Oleiros ficha a un reputado muralista para «ilustrar» Perillo

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

cedida

O artista mexicano «Spaik» encargarase de pór cor na parede dun edificio da zona de Cavamontes

26 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Oleiros porá en marcha un proxecto para renovar e restaurar os grafitis e murais que se pintaron en varias zonas do municipio por encargo do goberno local. Algúns, como os situados na praia de Bastiagueiro ou a beiras da AC-173, na avenida Ernesto Che Guevara en Perillo, atópanse bastante deteriorados e con estas obras volverán lucir en todo o seu esplendor.

Á marxe desta iniciativa, o Concello de Oleiros seguirá proxectando a mozos creadores da arte urbano. Desta forma, a finais deste mes chegará a Oleiros un reputado muralista cuxo traballo se reclama a nivel internacional. Trátase de Israel Guerra, un artista pertencente ao neomuralismo mexicano que, aínda que comezou pintando grafitis de forma ilegal con tan só 15 anos, agora é un os expoñentes da pintura rueira.

Desde o goberno local confirmaron que reservaron un lenzo en Perillo para que Spaik dea renda solta á súa creatividade. En concreto, unha parede dun edificio situado na rúa Rosalía de Castro, xunto ao mercado municipal. Aínda que o artista o fará de forma gratuíta (tan só reclamará o custo do material que utilizará no traballo), as tarifas do grafitero poden roldar os 10.000 euros por composición.

  

Visita a unha amiga

Explicou que aceptou o encargo do goberno local grazas á amizade que mantén cunha traballadora do Concello de Oleiros e a que pasará unha pequena tempada en Galicia. Spaik adiantou que encherá a parede baleira dun edificio de tres plantas cun debuxo «multicolor», seguindo a liña de todo o seu traballo. «Farei unha representación da liberdade, desde o punto de vista da cultura precolombina e do misticismo», indicou. Agarda poder rematar a obra nun par de días, aínda que dependerá das condicións meteorolóxicas.

 O artista, que recoñeceu estar influído polas vangardas artísticas do seu país, comentou que nos seus inicios se inspiraba nos temas que vía nas revistas do sector do grafiti. Os seus estudos de cinematografía levárono agora a técnicas de arte dixital e videomapping. Neste afán por atopar novas canles de expresión, Spaik non só plasma as súas obras en paredes de edificios ou mobiliario urbano, tamén o fai en corpos humanos a través das tatuaxes, en vehículos, casas particulares, táboas de skate ou pezas de vestir.