Santa Cruz Aberta ao Mar busca apoios entre as forzas políticas

La Voz OLEIROS

OLEIROS

O obxectivo é recuperar para os veciños o soar do antigo hotel Maxi

22 feb 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A plataforma Santa Cruz Aberta ao Mar, cuxo obxectivo é conseguir o uso público da parcela do antigo hotel Maxi, realizou unha serie de reunións con personalidades políticas e asociativas para buscar fórmulas que contribúan á súa meta final. Deste xeito, entre os interlocutores dos últimos días atópanse representantes da asociación Ergosfera, o director do Ceida, Carlos Vales; a deputada e candidata do PP á alcaldía de Oleiros, Tristana Moraleja, ou o portavoz do BNG no Concello, Manuel Sarmiento. Con todos eles realizaron un intercambio de impresións para coñecer as súas posturas sobre o tema. «Nestas reunións aproveitamos para solicitar apoio á nosa iniciativa de reclamar o que, como veciños de Oleiros, e máis concretamente da parroquia de Liáns, nos pertence, obtendo respostas moi favorables e sacando incluso ideas de futuras xornadas informativas con profesionais do ámbito urbanístico, paisaxístico, cultural e medioambiental», sinalan desde a plataforma veciñal, quen xa confirmou reunións con Agustín Barca, urbanista da Xunta, coa asociación Adega Coruña ou con representantes de Esquerda Unida.