Identificados por tirar os corpos de sete ovellas ao río Trabe

Emiliano Mouzo CULLEREDO / LA VOZ

CULLEREDO

E. Mouzo

Os autores explicaron que era unha ofrenda relixiosa

26 abr 2017 . Actualizado ás 14:30 h.

Axentes da Garda Civil de Culleredo lograron identificar a varias persoas, todas elas de nacionalidade romanesa, por guindar os corpos de sete ovellas ao río Trabe, ao seu paso por Vilaboa.

Fuentes próximas á investigación barallan a posibilidade de que a vertedura dos restos dos animais puido tratarse dunha parte dun ritual relixioso, «xa que as mesmas persoas tamén guindaron á canle do regato varios cubos de sangue, supostamente derivados do sacrificio das ovellas, así como varias coroas de flores».

O suceso ocorreu sobre as tres da tarde do pasado domingo. Á marxe do río Trabe chegaron dúas furgonetas e delas saíron varias persoas, «maiores, novas, mulleres e nenos», dixo unha testemuña.

Dous homes sacaron varios sacos que guindaron ao río, «onde supostamente se atopaban as vísceras, as cabezas e as peles dos animais», dixeron as mesmas fontes. As mulleres sacaron uns cubos onde se atopaban o sangue e as coroas de loureiro e as flores, «que tamén tiraron ao río». Despois de lavar os recipientes, incluídas varias bandexas, subiron ás furgonetas e marcháronse.

Pero unha veciña da zona viunos e alertou ás autoridades. Presentáronse no lugar varias patrullas do Servizo de Protección á Natureza (Seprona) e do 092 de Culleredo. As investigacións permitiron dar con estas persoas nun lugar próximo. Agora impútaselles un delito contra as normativas de augas, sanidade animal e sanitaria.