«¡Que ben, clase de mates!»

Elena Silveira
ELENA Silveira CULLEREDO / LA VOZ

CULLEREDO

Las tres aulas de quinto de primaria usan un método revolucionario para aprender matemáticas.
As tres aulas de quinto de primaria usan un método revolucionario para aprender matemáticas. p. < Rodríguez / span>

O colexio de Tarrío usa un sistema canadense para ensinar a materia

18 jun 2015 . Actualizado ás 07:55 h.

Pode parecer incrible, pero todos os alumnos de quinto de primaria do CEIP Plurilingüe de Tarrío, en Culleredo, están a desexar que chegue a clase de Matemáticas. E todo grazas a un novo sistema pedagóxico que naceu no Canadá e que se denomina Jump Math.

O segredo deste programa de ensino é que consegue que os alumnos gocen aprendendo matemáticas, mellorando a súa autoestima e autoconfianza. E con nocións moi sinxelas, leccións moi estruturadas e exemplos prácticos guiados e concretos (ás veces mesmo tanxibles) consegue que o alumno entenda e saiba aplicar os conceptos máis abstractos. A directora do centro, Ana Liñares, explica que o CEIP Plurilingüe de Tarrío é un dos poucos colexios de toda Galicia elixidos pola Xunta para participar nesta experiencia piloto. Aínda que empezaron algo tarde, xa que os 60 alumnos de quinto de primaria (teñen entre 10 e 11 anos) comezaron a traballar en febreiro co manual do Jump Math, os profesores xa empezan a ver os resultados. De feito, José Manuel Mosquera Rodríguez comenta que os nenos con máis dificultades para as matemáticas «son os que máis se benefician». «É moi importante que un neno estea motivado, por iso as leccións parten de algo moi sinxelo que todo o mundo pode entender, con exemplos prácticos, e, despois, pouco a pouco, van aumentado a dificultade con moita práctica», explica o docente. Esa motivación, segundo explica, non só se consegue co método Jump Math (a iniciativa presume de que o 93 % dos alumnos mellora o seu rendemento académico nun 50 %) porque no colexio xa teñen unha forma de traballar que reforza a autoconfianza dos nenos: «A partir dun álbum de cromos de fútbol, por exemplo, falamos de xeografía (de onde son os xogadores), de estatísticas (número de goles), e redactamos cartas (aos clubes de fútbol)... Intentamos aplicar tarefas integradas, porque o mundo é global», indica José Manuel. E os nenos encantados. Eles recoñecen que os problemas e os números son máis doados co método Jump Math, que se xera o debate e que chegan ás súas propias conclusións. «É que agora dicimos: ?¡Que ben, clase de mates!? Con estes libros é máis doado».