Aparece morto nun faiado o home desaparecido a semana pasada en Monforte

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

A Coruña CIDADE

O corpo non presentaba feridas aparentes. A autopsia determinará se puido morrer por un golpe de calor

05 jul 2017 . Actualizado ás 10:32 h.

O veciño de Monforte cuxa desaparición fora denunciada pola súa familia estaba morto no faiado dun edificio de cálea Duquesa de Alba. Residentes do edificio número 12 desa rúa atoparon o cadáver o martes pola tarde, alertados polo mal cheiro que viña da última planta do edificio, a zona na que se atopan os trasteiros. Todo apunta a unha morte natural.

A autopsia determinará as causas exactas, pero a falta de ventilación e a calor destes días facían practicamente irrespirable o ambiente no faiado no que estaba o corpo.  José Ramón Fabeiro Bellón nacera hai 54 anos na Coruña pero vivía desce hai tempo en Monforte, onde traballaba no matadoiro do polígono industrial e onde ademais viven a súa filla de seis anos e a súa exmuller. Foi esta última a que denunciou fai uns días a súa desaparición, alarmada porque non sabía nada del desde o mércores da semana pasada e porque o venres non foi ao aniversario da súa filla. 

O corpo de José Ramón Fabeiro estaba tombado coma se botouse para descansar e non presentaba signos aparentes de violencia. Tampouco ao seu redor había nada que faga sospeitar nada que non sexa unha morte por causas naturais. Á espera de ver que di a autopsia, a policía investiga agora que facía este home nun faiado de cálea Duquesa de Alba se o seu domicilio está na rúa Abeledos.