Que non nos quiten o chocolate

A Coruña CIDADE

gonzalo barral

Hai unha crenza estendida que fala de que o chocolate é para as épocas de frío. Na pastelería Naya desmontan o mito e aseguran que mentres non se expoña a unha temperatura superior a 28 graos uno pode deixar de lado a operación bikini e lanzarse ao pracer do «cacao maravillao»

02 jul 2017 . Actualizado ás 12:19 h.

Os adictos non entenden de estacións. Tampouco os que non saben vivir sen chocolate. As pastelerías, a pesar da crenza popular que di que os reis do doce no verán son as xeaderías, aseguran que a época de estío é un das mellores en canto a vendas. E si, seguen facendo elaboracións con chocolate, aínda que os bombones, por exemplo, é mellor deixalos para cando chegue o frío.

«Se a temperatura á que está exposto o chocolate supera os 28 graos derreterase, por iso o verán é unha época delicada para a súa manipulación», pero non imposible. Ignacio Fernández Naya, responsable de Pastelería Naya, en Vilaboa (A Coruña), explica que «non hai ningún problema á hora de gardar o chocolate no frigorífico, de feito, eu para pasteis e tortas recoméndoo. O que si hai que ter en conta é que unha vez se saca o chocolate da neveira hai que pasalo a unha alacena ou a un sitio frío en lugar de deixalo repousar a temperatura ambiente». Iso ou non dubidar en pórse as botas directamente.

As cores, comenta este experto pasteleiro, tamén é algo a ter en conta á hora de decantarse por un tipo de chocolate ou outro cando o termómetro aprema. «O branco é o que menos tolera a calor, mentres que o negro, pola manteiga de cacao, é máis resistente». E se a gama cromática pode facer inclinar a balanza cara a un lado ou outra da compra de chocolate no verán, a operación bikini parece que non afecta moito. «En maio si adoitamos notar un descenso nas vendas, pero un par de meses despois a xente xa se esquece e lánzase de novo ao doce», comenta Fernández Naya.