O que máis nos gusta da Coruña é...

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

18 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai algúns anos lin no libro de Manolo Rivas Galicia, o bonsái atlántico unha frase que se volveu recorrente na miña contorna: «Para galego vale calquera». El púñao en boca dun zapateiro -creo lembrar- coa intención de condensar a universalidade da nosa esencia. Facendo súa a frase, non se se me atrevería a facer un paralelismo e apuntar nesta crónica que para coruñés vale calquera, aínda que sen dúbida se a min me preguntan que é o que máis me gusta desta cidade diría sen dubidalo a súa xente. Será que me fixen a ela ou que non son capaz de distinguir, como nos fillos, os defectos (e aínda que os vexa dáme igual), ou será que isto mesmo que estou a escribir é en si mesmo moi coruñés. Non o sei.

A min gústame da Coruña esa mestura natural de falar cuns e outros, de ser de barrio e sentirse do centro, de estar a cear con calquera mandamáis e ao momento estar tomando unha cervexa co colega de sempre, poder sentalos xuntos e que enseguida flúa a conversación coma se tal cousa. Falar de fútbol, do último local que se abriu nos viños, do transatlántico que acaba de chegar, do peixe da praza, da lea de La Solana, da néboa que estragou a praia e ata do ben que está Vigo. Do mellor que se está aquí, claro, e dos cambios que fariamos se nos tocase ser alcalde. Falar das nosas cousas, de se os coruñeses teñen máis bigote que a media, se a parka segue sendo nosa peza estrela, se tivo sentido peonalizar a Marina , se o polbo está máis rico aquí ou alí, ou se contra Paco viviamos mellor.

Con isto, dirán algúns, nácese. Pero por experiencia sei que o coruñés se fai; faise se se quere, pero faise. Faise ao xersei polos ombros, a saír a andar polo paseo (algúns denomínano «dar a volta á Torre»), a tomar o vermú en Pai Feijoo ou na rúa San Xoán e a quedar no Praia. Todo este canto da alma vén a conto porque o outro día ocorréuseme preguntarlle a un grupo de nenos que era o que máis lles gustaba da Coruña e todos responderon o unísono o mesmo: o mar. O mar, o mar e a praia, ou a praia e o mar. Pero non se moveron de aí. E o que menos?, repregunté. A ningún ocorréuselle contestar que a Refinería, nin ir de compras a un centro comercial, nin sequera a vidreira dos chanzos de La Solana que comentaba Luís Pousa o outro día. O que menos lles gusta da Coruña -responderon- é que «só hai xente maior».

Partindo de que me guste ou non pertenzo a este grupo, pensei entón en como habería que vernos desde os seus ollos e que todo o bo que temos; o que nos gusta de verdade, aquilo do que falamos e gozamos non ten interese nin atractivo sen nenos. Eles son os únicos que realmente saben ver o obvio: que sen nenos non hai coruñeses.