Os réditos electorais da falta de entendemento

Carlos Agulló Leal
carlos agulló A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

17 may 2017 . Actualizado ás 19:28 h.

O paso do ecuador do mandato municipal deixa unha cousa clara: o suspenso que os cidadáns outorgan ao alcalde non o rendibiliza a oposición nin presaxia un cambio de rumbo. Se a tendencia marcada nos dous últimos anos mantense na segunda metade pode consumarse o paradoxo de que Xulio Ferreiro reteña o bastón de alcalde -con máis apoios, mesmo- a pesar de que a nota que lle poñen os votantes cae a medida que aumenta a súa proxección pública. A convulsa primeira parte do mandato hase caracterizado por unha ausencia contumaz de entendemento entre as forzas que poderían sumar unha maioría que achegase estabilidade. Un disenso que, á vista dos datos das dúas últimas enquisas realizadas por Sondaxe, parece consecuencia dunha estudada estratexia da Marea (non lle vai mal ese enredo de agora quéroche agora repúdioche que se trae co PSOE) para seguir na súa minoría absoluta. Un camiño elixido que lle estaría dando algún rédito electoral ao partido do alcalde, pero á conta de manter á cidade nunha vía de marcha lenta e repleta de obstáculos. Por segundo ano consecutivo, e coa experiencia dunha paupérrima execución do investimento e as súas consecuencias no dinamismo da cidade, o orzamento entra en vigor con moito atraso.

 O PSOE, que con demasiada frecuencia ao longo destes dous anos presentouse como vítima de manobras e deslealdades, non pode eludir a súa parte de culpa neste proceso no que está a ser engulido pola Marea. Os seis concelleiros socialistas sumaron os seus votos aos dez da Marea para que Xulio Ferreiro fose investido alcalde. E desde entón, o PSOE deu mostras dunha deriva errática, sempre pendente de atopar o seu sitio no panorama político local. Ao cabo, de nada serviu que formalmente teña retirado o seu apoio ao alcalde na cuestión de confianza do mes de febreiro. E estao pagando.

Alén do arco municipal, o PP parece estar a empezar a espertar do letargo en que quedou sumido tras ter perdido a alcaldía e de quedarse co título de primeiro forza só por un puñado de votos. Se na anterior enquisa seguía estancado nos dez concelleiros a pesar de gañar case tres puntos en estimación de voto, sobe agora aos once edís coa conselleira Beatriz Mato como candidata in pectore. Insuficientes para recuperar a alcaldía, aínda contando co hipotético apoio do concelleiro que rascaría Cidadáns. Pero o centro e a dereita aférranse á esperanza do que poida dar se si a baza electoral de Feijoo para A Coruña e a que se consolide un dato que guinda a enquisa: se hai dous anos a correlación izquieda-dereita no pleno municipal era 17 a 10, agora é 15-12.

Confórmase un espazo para unhas alianzas necesarias, aínda que ata hoxe están inéditas. Mesmo para as que só serán posibles cando os partidos perdan complexos ideolóxicos. Co resultado da enquisa, un PSOE enclenque tería na súa man, se resiste o que queda de travesía, a chave para o desempate.