Premio nacional para unha «app» de tres coruñeses

A Coruña CIDADE

Acaban de gañar un concurso nacional para mozos emprendedores ao que concorreron proxectos de toda España

29 abr 2017 . Actualizado ás 13:23 h.

Lara Medín Caramés ten 17 anos, Iván Brea Lista, 22, e Lorena Láuzara Sánchez 35. Os tres son alumnos do ciclo medio de Xestión Administrativa do colexio Nebrija Torre de Hércules da Coruña e acaban de gañar un concurso nacional para mozos emprendedores ao que concorreron proxectos de toda España. Idearon unha app para persoas invidentes ou con baixa visión. «Ou para persoas que non poden ler ben unha etiqueta. Achegas o móbil a un código QR e a través da voz descríbeche o produto, as calorías que ten, se é apto para diabéticos...», destaca Montse López, titora dos estudantes, que triunfaron na categoría de mellor traballo responsable socialmente no certame organizado pola Universidade Antonio de Nebrija de Madrid. «Coincide o nome, pero non temos nada que ver», aclara Montse. Xa realizaron unha demostración no Muncyt, un museo moi interesado nas posibilidades da aplicación-proxecto de empresa creada por estes coruñeses e que bautizaron co nome de ihelpU. Aí téñenos, posando ao lado da foto de Dona Angelita, a mestra ferrolá emprendedora e inqueda como eles.

Primeiras despedidas

Recordo cando naceu Brais. Foi un 22 de decembro. Para o seu pai, o fotógrafo de La Voz César Quian, foi un premio gordo inesquecible. Pódense imaxinar a cantidade de fotos que lle fixo ao bebé. Onte volveu fotografalo, pero nesta ocasión Brais aparece rodeado das súas compañeiras e compañeiros de promoción das Franciscanas. Como pasa o tempo, o próximo Nadal será maior de idade e universitario.

Arsenio entre maiores

Desde onte, a sala de fisioterapia do centro SARquavitae de Matogrande leva o nome do exentrenador do Deportivo Arsenio Iglesias . Para o de Arteixo foi unha sorpresa, xa que non sabía nada do asunto. Durante a visita tivo a oportunidade de charlar cos residentes, todo un luxo xa que Arsenio é moi admirado por todos.

Ás 7 da mañá

A esa hora comezou onte no hotel Praza a primeira reunión informativa do grupo BNI PROA. Asistiron 36 empresarios que escoitaron a dinámica de traballo de networking de BNI. «Invitamos a profesionais de todos os ámbitos e coas mesmas inquietudes coa idea de crear un grupo mínimo de 25 membros para constituílo formalmente», comenta Isabel Noya, directora consultora e encargada de formar un grupo como algúns dos 26 xa están activos en Galicia.