Os veciños de Eirís esixen «unha resposta» sobre Micasita

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

Están «intranquilos» e lembran que na asemblea do martes «nin unha soa persoa» apoiou o proxecto para o barrio

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Estamos máis intranquilos que onte [polo martes] porque non tivemos resposta ningunha. Imos estar outra semana máis á espera e o tempo corre en contra nosa, pero está correndo a favor de Sor Eusebia». Isto dicía onte, no programa Voces da Coruña, de Radio Voz, o presidente da Asociación de Veciños de Eirís, Suso Prado. E insistía en que «ahora en Eirís tempos un problema gordo: que estamos esperando a resposta do Concello, que é o que ten a chave disto porque é o responsable dos terreos onde se vai ubicar Micasita».

O prazo dunha semana é o que deron aos veciños os concelleiros de Xustiza Social, Silvia Cameán, e de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, na multitudinaria reunión que tivo lugar na tarde do pasado martes. Suso Prado lembrou que nela «houbo unha votación a man alzada para ver quen quería as casitas e non houbo unha soa man que se levantara. Aí non se pode dicir que o barrio está dividido, ó contrario: está máis unido que nunca e hoxe [por ayer] a incertidumbre e a preocupación eran grandes».

Por todo iso insistía nas súas declaracións radiofónicas en dicir que desde o Concello coruñés «teñen que dar unha resposta canto antes, e se ao concelleiro de Rexeneración Urbana lle treme a man para dar esa resposta que a dea o alcalde que xa debía ser quen tiña que dala».

Para Prado, dita asemblea foi unha oportunidade para «decirlle aos responsables do proxecto que Eirís non estaba de acordo coas casitas aquí no parque», algo no que insistiron todos os veciños que tomaron a palabra en presenza dos dous edís.

Veciños fóra, Micasita dentro

O presidente da entidade veciñal tamén recoñeceu que ao principio «reventou a asemblea» porque había tanta xente fose do salón de actos como dentro e os da rúa non podían escoitar o que se dicía no interior. Por iso, os veciños saíron do local e fronte ao centro cívico de Eirís tivo lugar o encontro, mentres que no salón de actos quedaban, por indicación dos organizadores do acto, Diego Utrera, director do proxecto Micasita, e outro representante de Sor Eusebia. Alí estiveron toda a asemblea ao non ser requiridos para que interviñesen nela.

Por outra banda, os responsables do Fogar Sor Eusebia elaboraron un manifesto de apoio aos sintecho -«en defensa da súa dignidade e da súa vida»- que está a ser subscrito por diversos colectivos da cidade e no que se detalla como é o proxecto de Micasita.