Como recuperar a Cidade Vella

brais Capelán A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

césar quian

Urbanistas e arquitectos de distintas cidades destacan o modelo do consorcio e a xestión directa por técnicos do Concello como as mellores opcións para restaurar vivendas

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A falta de rehabilitación de vivendas na Cidade Vella coruñesa sómea nun estado de abandono. A Coruña está, segundo os datos oficiais do IGE, á cola en canto a inmobles en rehabilitación e licenzas concedidas. Expertos de distintas cidades de Galicia analizan os modelos aplicados noutros centros históricos e sinalan as necesidades para revitalizar a zona monumental coruñesa.

Que modelos para rehabilitar vivendas hai en Galicia?

En Galicia, hai distintos modelos aos que o cidadán pode acollerse á hora de rehabilitar a súa vivenda no centro histórico. Hai desde consorcios á xestión directa dos arquitectos municipais.

En Santiago, é un consorcio o que xestiona as restauracións no centro histórico. «Tivo éxito o modelo compostelán porque se achegaron fondos propios e existía un asesoramento personalizado», sinala o arquitecto e profesor coruñés Xosé Allegue. O ente de Santiago está integrado no Real Padroado - creado en 1992 co obxectivo de revitalizar o patrimonio monumental da cidade xacobea- e, xa que logo, é inviable aplicalo na Coruña.

En Vigo, o Consorcio Casco Vello foi creado no 2005 para atender as demandas de rehabilitación e recuperación urbana do centro histórico. Conta con participación do Concello e da Xunta. Desde a súa fundación, promocionáronse máis de 80 vivendas.

En Ourense, a cidade que máis licenzas concede para rehabilitacións, son os propios arquitectos do Concello quen asesoran persoalmente en materia de restauración de vivendas a través da Oficina de Rehabilitación Municipal. «O trámite noutras cidades é máis longo. Aquí hai unha conexión directa, pateamos a rúa e estamos a pé de obra», afirma o arquitecto municipal de Ourense José Antonio Padrón.

Na Coruña existe un Servizo de Vivenda e Rehabilitación que xestiona as subvencións para restauración de inmobles. Trátase dun órgano que depende da Concellaría de Urbana Rexeneración e Dereito á Vivenda.

Que áreas coruñesas son susceptibles de rehabilitarse?

O Instituto Galego de Vivenda e Solo, ente da Xunta, distingue dúas áreas. Trátase do centro histórico, que coincide co ámbito da Cidade Vella e Pescadería, e as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), que se atopan en zonas como o Birloque, Mariñeiros ou Palavea. Estas son as zonas que teñen acceso ás subvencións para rehabilitación de inmobles que ofrece tanto o Concello como a Xunta.

Cales son os grandes problemas que hai no caso coruñés?

«Para revitalizar a Cidade Vella deben mellorarse as infraestruturas. Non se pode vivir nin traballar nunha zona con instalacións obsoletas, sen gas natural nin fibra óptica e coas rúas en mal estado», afirma Alberto Faraldo, enxeñeiro técnico e delegado de EnReforma, que ten a súa sede no centro histórico coruñés. «Non é tanto a subvención que poidas recibir senón o interese na zona», engade.

Xosé Allegue cre que o problema da Cidade Vella remóntase á época do goberno de Francisco Vázquez. «Buscábase un crecemento periférico que foi degenerando nun abandono do centro histórico. Tamén é certo que o acceso aos plans estatais non está claro e non existen liñas de financiamento brandas para rehabilitar. Na miña opinión, debe fomentarse unha política de vivendas sociais a través da compra de chan por parte do Concello», afirma Allegue, que sostén que «hai que deixar de crear vivendas de protección e centrarse en recuperar as casas baleiras».

Unha opinión similar ten o presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, que sostén que «hai que promover a rehabilitación, xa que non hai previsións dun crecemento exponencial da poboación e é necesario pór en valor os edificios históricos». Tanto Allegue como Maroño creen que a crise aínda afecta á rehabilitación de vivendas.

José Antonio Padrón opina que «o abandono político lastra en moitas cidades os seus centros históricos». «Hai intereses máis importantes, pero creo que para poder vivir nestas zonas non se poden converter nun museo nin ser un lugar onde ir só a tomar uns viños», afirma o arquitecto ourensán.

Que subvencións hai na cidade para reformar vivendas?

Na Coruña, a Concellaría de Urbana Rexeneración concede anualmente as súas propias subvencións para a rehabilitación de vivendas. Durante o 2016 repartíronse case 4 millóns de euros en axudas. A Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo tamén concede axudas ás zonas catalogadas. «Trátase dunha contía baixa, a tramitación é moi complexa, os pagamentos prodúcense moi tarde e non hai un asesoramento técnico personalizado», afirma Xosé Allegue sobre estas axudas, defendendo a xestión do Consorcio de Santiago para facilitar estas cuestións.

É posible crear un consorcio na Coruña?

Non existe un consenso entre os expertos ao ser consultados sobre a importancia dun consorcio no futuro urbanístico coruñés. «Non paga a pena», afirma rotundamente a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández. «É necesaria vontade máis que outra cousa. Nós só somos un intermediario en materia de rehabilitacións, pero facemos outras moitas cousas», afirma. Para Xosé Allegue, as trabas procedentes do Goberno impiden que se poidan crear novas institucións, como un consorcio, na Coruña: «Estaría ben sempre que se facilitase o acceso a vivenda pública».