Ti subiches á torre de Hércules?

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

06 abr 2017 . Actualizado ás 19:05 h.

Non hai como saír da casa para ver a túa cidade con outros ollos, cos ollos do turista que repara en todos aqueles recunchos que no día a día nos pasan desapercibidos porque non lles damos importancia. Quen se para a mirar e remirar Riazor? Quen pon os ollos atentos nas marabillosas fachadas das casas que rodean a praza de Lugo? Quen se vira para desde o alto do Parrote botar unha ollada á Marina ? Quen se dá un paseo detido pola Cidade Vella? E quen? Quen de todos nós subiu á torre de Hércules? Non me refiro a dar un paseo aos arredores, senón subir os 235 chanzos para gozar das súas vistas. Hai persoas -máis das que pensamos- na nosa cidade que xamais se achegaron aos seus pés e que xamais se decidiron a entrar no noso monumento emblemático, coa escusa natural de que se ve ben desde abaixo.

Torre de Hércules
Torre de Hércules PACO RODRÍGUEZ

Parece estraño, pero somos así de peculiares e todo o que facemos en calquera outra cidade cando viaxamos ignorámolo en nosa propia casa, así que nos perdemos con máis frecuencia do que creemos no noso interior. Nunca se nos ocorrería ir de visita a Santiago e non pisar a catedral, facemos longas colas nos sitios máis turísticos para saborear a postal desde o máis alto: no elevador de Santa Xusta en Lisboa, na torre Eiffel, no Empire State, na torre de Pisa, no One Trade Center… Todo nos parece pouco cando saímos de casa, pero non adoitamos deternos na nosa con esa ansia de querer descubrilo todo, quizais pola idea simple de que mañá poderemos facelo. E mañá por hoxe e hoxe por mañá seguimos encamiñados no mesmo percorrido rutineiro sen pórnos atención a nós mesmos. Haberá quen pense que é difícil vivir na Coruña e non ter subido xamais á torre, pero hai dous anos fixemos a proba nunha reportaxe de YES neste xornal e sorprendeunos a cantidade de xente que tendo nacido aquí non sentira a curiosidade de ver como era a torre de preto. Claro que o testemuño máis singular púxoo outro coruñés que confesou que non só non subira á torre xamais senón que nunca na súa vida estirara a toalla na praia de Riazor. E iso abre outro debate máis amplo porque isto das praias lévanos a outras exquisiteces, que aquí o que non ten un recuncho de praia co seu nome non é ninguén. Pero gustos costeiros á parte, a pregunta concreta é se se pode vivir aquí, nacer aquí e non ter pisado a praia de Riazor. E esta cuestión non se planea cun sentido inquisitorial, senón coa maior inocencia: hai moitos coruñeses que non han ir xamais a Riazor? En espera da resposta, creo que vou coller os billetes para levar aos meus fillos canto antes a ver a torre.