¡Non lle deas leite ao gato!

A Coruña CIDADE

Se lle permites todos os caprichos, tes que ler isto. Hai moitos alimentos que a túa mascota non debe comer, algúns deles mesmo poden pór en perigo a súa vida. Se decides alimentar con sobras ao teu gato ou can tes que ter en conta que certas comidas poden causarlles alerxias, molestias dixestivas e problemas graves de saúde

19 feb 2017 . Actualizado ás 04:00 h.

Na alimentación de cans e gatos é importante ter claro que o seu organismo non funciona como o dos humanos. Hai unha lista de alimentos que son daniños para a saúde dos animais, sobre todo se llos damos con asiduidade. No caso dos cans, por exemplo, entre os máis contraindicados está o chocolate, que contén teobromina, unha sustancia estimulante presente na casca do cacao cuxo consumo excesivo pode causarlles aceleración do ritmo cardíaco, nerviosismo, vómitos, diarreas... Unha cousa similar pasa coa cafeína, e as uvas e pasas conteñen unha toxina que pode causar graves danos no ril e no fígado.

Tamén son perigosas as noces de macadamia, que poden atacar ao sistema nervioso dos canes, e hai que ter coidado cos cogomelos e fungos, en especial coas silvestres cando paseamos polo campo.

Algo que moita xente descoñece é que as cebolas e allos, que se utilizan a diario na cociña dos humanos, son moi tóxicos para os cans, e poden provocarlles anemia e insuficiencia renal. Tampouco se sabe que os cans son intolerantes á lactosa e non posúen as encimas necesarias para dixerila e lle s pode provocar problemas estomacais graves.

Os cans son carnívoros, así que a dieta debe basearse na carne pero tamén se pode complementar cunha porcentaxe de patacas, arroz, verduras e algunhas froitas. Nos últimos anos estendeuse moito a dieta barf, que aposta por unha alimentación máis similar á dos humanos pero adaptada aos cans. «É unha corrente moi potente -explica Ana Julia Harfuch, da Clínica do Sol, na Coruña- que propón un regreso ás orixes, volver comprar a carne, facerlles arroz, meterlles verduras, meterlles froitas.... É unha corrente naturista que influíu tanto que agora os pensos veñen con fotografías do material que se utilizan para facelos. E tamén se están comercializando dietas conxeladas feitas cunha masa con cousas frescas sen cociñar».

Pero que alimentos pódeslle dar ao teu can se segues esta tendencia? «Pois o menú ten que estar moi equilibrado -explica a experta-, da cantidade total da ración un 30 por cento pode ser carne (pavo, cordeiro, coello, cabalo, vaca ou peixe), e o resto ten que ser unha fonte de hidratos de carbono, que poden ser macarrones e arroz, e verduras variadas».

Nada de ósos

Outra crenza falsa sobre a alimentación é a que afirma que os ósos son bos para os cans. «A mentalidade de moita xente -afirma Ana Julia- é que os cans se se tragan un óso dixíreno, pero non é así. Os animais en liberdade nunca comen ósos, cómense as vísceras, non son nada bobos. Pódeslle dar un óso xigante que sexa capaz de roer pero non de astillar, pero ante a dúbida mellor é non arriscar. Se o teu can se traga o óso consegue un bo cirurxián que llo quite. No mellor dos casos expúlsano con moita dificultade, pero tamén adoita dar moito estreñimiento e por culpa diso ás veces temos que operalos por un megacolon». Os cans non comen ósos e os gatos tampouco comen espiñas de peixes.