Os veciños piden que se erradique o botellón, non o seu traslado ao Parrote

Javier Becerra
JAVIER BECERRA A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

O PP cualifica como unha «ocorrencia» a postura de Ferreiro, mentres que PSOE e BNG apelan ao lecer nocturno alternativo

23 oct 2016 . Actualizado ás 16:10 h.

Os veciños están en contra de «trasladar o problema do botellón dun lado a outro». Así o declarou Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e da área Metropolitana. Lonxe de sintonizar coa idea de Xulio Ferreiro de , «mover o botellón dos xardíns» móstrase sorprendida: «Que o alcalde diga iso non sei ata que punto é normal», expón.

Varela esixe a «erradicación total». Sostén que, mais alá das desfeitas e o problema ecolóxico que xeran nos xardíns de Méndez Núñez, hai outro problema maior: «No botellón hai menores de idade bebendo e van seguir facéndoo, tanto se se lles permite beber nos xardíns coma se fano noutro lugar». Por iso sostén que a «única solución é a desaparición do botellón».

Lembra que esa «foi sempre a postura da federación». Tanto co mandato de Javier Losada, como no de Carlos Negreira, a federación veciñal sempre se mostrou publicamente a favor da prohibición. «Que busquen a fórmula, que para iso son os que mandan e dirixen a cidade, pero que eliminen isto e controlen que os menores non consuman alcol», conclúe Varela.

«Saír de nai»

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rosa Galego, di que «a Ferreiro se lle saíu de nai o tema do botellón por desmontar o dispositivo de lecer nocturno da policía». O resultado, segundo ela, é que se esnaquizaron os xardíns e agora sácase da manga unha nova ocorrencia de trasladar ao Parrote o problema para que tamén o esnaquicen, porque pasará o mesmo sen vixilancia nin limpeza». A popular subliña, ademais, «a falta de mantemento de xardíns» e a limpeza deficiente en xeral, «que no caso de Méndez Núñez converteuse nun grave problema».

Desde o PSOE, tal e como expón o concelleiro Fito Ferreiro, a aposta pasa «por escoitar e debater coas partes implicadas neste fenómeno social para buscar solucións ao que se converteu nun problema». En todo caso, o edil socialista expón desenvolver «accións positivas para acabar con el, como o lecer alternativo, e retomar o pacto cívico que puxemos en marcha os socialistas e que o PP gardou no caixón».

A nacionalista Avia Veira sostén que «é preciso garantir sempre o dereito da mocidade a empregar o espazo público xunto co dereito ao descanso da veciñanza». Pero non apoia a idea de Xulio Ferreiro: «No canto de darlle solución o que se fai é trasladalo dun lugar a outro segundo vaia protestando a xente: en definitiva, de nada vai servir trasladalo de Méndez Núñez ao Parrote». Apela tamén á pedagoxía e a aposta polo lecer alternativo.

A solución, en estudo por parte do goberno local 

O alcalde coruñés sinalou o venres que falara co xefe da Policía Municipal sobre os pasos a tomar para eliminar o botellón de Méndez Núñez. Preguntado por iso o goberno local puntualiza que tanto o modo de actuación como os prazos para facelo están en estudo aínda.

«Nos barcos da Dársena hai bengalas e foguetes, meter a 2.000 rapaces alí sería unha tolemia»

A idea de trasladar o botellón o Parrote, suxerida pola o alcalde o pasado venres en Radio Voz, non só xerou o rexeitamento dos veciños e hostaleiros da Cidade Vella. A flota de baixura tamén deu a voz de alerta sobre o que podería supor que se asentasen alí este tipo de reunións nocturnas.

Víctor Rodríguez, membro da directiva da Confraría de Pescadores da Coruña sinala que alí se podería orixinar unha desgraza. «Nos barcos da Dársena hai tres bengalas e tres foguetes. Ademais, pode haber entre 2.000 e 3.000 litros de combustible. Meter a 2.000 rapaces alí nesas condicións sería unha tolemia». Xa teñen malas experiencias: «Agora, ás veces, ven pequenos grupiños e aparecéronnos vasos nos barcos nalgunha ocasión ou faltado os chalecos salvavidas. Son canalladas, que poden ir a máis se se permite facer iso alí».

O mariñeiro, que afirma que «non está en contra do botellón», engade ademais do risco que ten o emprazamento, «onde unha persoa bebida pode acabar no mar». Por iso, di que o goberno local «debe descartar totalmente esa idea porque as consecuencias de levarse a cabo poden ser desastrosas».