O teu can... ten seguro?

A Coruña CIDADE

sss

Os imprevistos veterinarios da túa mascota poden complicarche a chegada a final de mes. Para evitar este tipo de situacións moitas aseguradoras ofrecen seguros que inclúen asistencia sanitaria.

20 mares 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A túa mascota sempre che alegra as mañás. É o primeiro que che dá os bos días e que non pode evitar a súa alegría cada vez que chegas a casa. Pero, ás veces,  os imprevistos sanitarios do teu can poden complicarche a chegada a final de mes. Para evitar este tipo de situacións, as  compañas aseguradoras lanzaron seguros que inclúen asistencia sanitaria. No caso dos cans que non se consideran perigosos oscilan desde os 32 euros aos 180 euros, ao ano para un can pequeno e novo. A diferenza no prezo tamén radica, ademais das características do animal, no tipo de cobertura que ofrecen e a franquía que o dono debe pagar, así como os tratamentos veterinarios que se inclúen. Tamén poden ofrecerche tarifas especiais para aqueles tratamentos que  o seguro non cubra. Trátase dun xeito de estar tranquilos e evitar desembolsar máis de 300 euros ante calquera urxencia sanitaria. 

Ademais deste tipo de cobertura, debes ter en conta que se o teu can non pertence a unha raza potencialmente perigosa, a póliza do teu seguro de fogar cóbreche a responsabilidade civil de animais domésticos, fundamentalmente cans e gatos: «Se o teu can ataca a alguén, os danos que pode causar, por exemplo, a un veciño danándolle o mobiliario ou o seu produce algún accidente de circulación, todo iso o cobre a póliza do seguro de fogar», comenta Juan Manuel Sánchez-Albornoz, presidente do Colexio de Mediadores de Seguros da Coruña, que lembra que a mascota debe estar legalizada: «Debe contar con todas as obrigacións legais, dado de alta, ter microchip... E tamén, por exemplo, se o can ten a obrigación de levar boceira e non o leva pola rúa, probablemente o dono teña problemas co seguro. No caso de que morda a alguén lle pagará unha indemnización ao prexudicado pero logo pódello repercutir ao dono por non cumprir coas súas obrigacións», comenta. 

No caso de que non dispoñas de seguro de fogar, pódese tamén contratar unha póliza de responsabilidade civil exclusiva para o can. Neste caso, e se non queres que che cubra a asistencia sanitaria, os prezos son moi económicos. Pódense atopar seguros por 21 euros ao ano con franquía de 200 euros. 

Cans perigosos

Para aquelas razas que estean recoñecidas como potencialmente perigosas existen pólizas específicas de responsabilidade civil que cobren os danos que o animal poida producir a terceiros, é dicir, a condición de que non sexan parentes e non exista primeiro grao de consanguinidad: «Neste caso, hai un pouco de lea porque cada concello ten unhas ordenanzas distintas á hora de considerar que tipo de razas son potencialmente perigosa. O que hai que facer é basearche na ordenanza do teu concello, porque un can pode ser considerado potencialmente perigoso nun concello e noutro non», indica Sánchez-Albornoz. Estas pólizas tamén poden incluír os custos sanitarios que necesite o animal e mesmo a súa incineración. Neste caso, os seguros son máis caros e poden oscilar entre os 100 e os 300 euros ao ano: «Pódese escoller os límites de responsabilidade que o dono queira. As coberturas poden ser de 600.000 euros ou de 300.000 euros. Poñamos por caso que contrato un seguro básico de 50.000 euros e o meu can provoca un accidente e a indemnización é de 70.000 euros, o seguro pagaría 50.0000 euros e o dono os 20.000 euros restantes», aclara Sánchez-Albornoz.  Unha última modalidade de seguros está destinada a aqueles animais de competición nos que a súa falta provoque un prexuízo económico ao dono. Nestes casos adóitanse contratar seguros de vida do propio animal: «Teñen xa un custo elevado e son seguros multirriesgo. Tamén pode ser que o can pertenza a unha empresa e o seu propietario sexa unha sociedade xurídica. Neste caso, o seguro de responsabilidade civil da empresa cóbreo igualmente se non é unha raza potencialmente perigosa», engade o presidente do Colexio de Mediadores de Seguros da Coruña.