O globo do Meteorolóxico

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CRÓNICAS CORUÑESAS

BETANZOS

16 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pensaba que nestes tempos de satélites e medicións virtuais xa non o soltaban. Cría que era demasiado analóxico para nosa era dixital. Pero hai uns días, paseando coa pequena Alicia polo alto da duna de Riazor, vímolo alá arriba, ascendendo sobre a rotonda e a praza de Portugal ata perderse entre o azul do ceo e os farrapos de nubes. Alicia, desde os seus sete anos recentemente cumpridos, díxome moi seria que era un globo que se lle escapou a ela e que aí seguía, flotando no ceo dos globos perdidos xunto a todos os globos que fuxiran da man dos seus diminutos donos. Eu díxenlle que si, claro, e logo, ao volver ao barrio, pregunteille ao meu amigo Carlos, o meteorólogo, se aínda o seguían lanzando, porque debía de facer vinte ou trinta ou máis anos que non o vía. E si, o globo sonda do Meteorolóxico segue ascendendo cada día aos ceos para medir as súas cousas, as súas temperaturas, a súa presión atmosférica, os seus ventos de ida e volta, o cal non deixa de ser unha fermosa e anacrónica noticia nesta época descreída e táctil.

En Peruleiro, nos últimos setenta e primeiros oitenta, a solta do globo do Meteorolóxico era un dos acontecementos máis importantes do día. Recordo vagamente a miña época de parvuliños no patio da Anexa, a Escola Normal de Prácticas, cando todo se paralizaba durante o recreo para ver como saía o globo sonda do Meteorolóxico desde o Campo dá Burricana para sobrevoar as nosas cabezas e os nosos mandís e afastarse mar dentro, ceo dentro, ata estalar a non se cantos quilómetros de altura sobre as nosas miradas asombradas. Ás profes de primeiro ou segundo de parvuliños, non sei, xa non me acordo, tiñámolas queimadas preguntándolles unha e outra vez se o globo chegaba a América, como aquel neno plasta e algo choromicas que se había ir dos Apeninos a Ándelos e que nos tiña a todos tan preocupados que lle queriamos mandar un globo de recordo.

Si, xa sei, eran tempos nos que un neno, sobre todo un parvulito, asombrábase con calquera cousa. E xa sei tamén que o globo sonda do Meteorolóxico non é o fabuloso globo de Betanzos, que algún cachondo tamén conta que un San Roque chegou a Uruguai, onde o teñen exposto nun museo. Son consciente de que nin sequera é como o globo que soltan nos Castros polas festas do Carmen. Pero o globo do Meteorolóxico, ese que agora se me aparece de cando en vez sobre a duna de Riazor, era o globo de Peruleiro, e do Camiño do Piñeiral, e das últimas casas da rolda de Outeiro nun tempo e un barrio no que o máis interesante que podía pasar en varias semanas era que soltasen aquela enorme e perfecta esfera branca sobre os tellados da Coruña.