Veciños do centro histórico de Betanzos resígnanse a vivir sen gas nin fibra óptica

Antón S. Rodríguez BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

Cesar Delgado

As compañas renuncian a colocar estes servizos a pesar da petición do Concello

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

En pleno século XXI non todos teñen dereito á fibra óptica nin ao gas cidade nunha mesma urbe. Depende da vontade das compañas cando son reclamadas polos concellos co aviso de que van abrir unha gabia. É unha mera cuestión de sinerxía: levántase unha rúa para cambiar a canalización e inténtase aproveitar que durante unhas obras se instale o maior número de servizos posible para os veciños.

Na rúa do Pique, en pleno centro histórico de Betanzos, afrontan xa o epílogo das obras que comezaron no principio do ano. Baixo as novas laxas discorre agora unha renovada canalización de saneamento. E nada máis. O Concello non tivo sorte nesta ocasión. E moito menos os veciños desta rúa que une dúas importantes arterias do centro histórico como son as rúas Travesa e Preto. «Necesitamos a fibra óptica e quedámonos sen ela», quéixase María, unha moza que vive aquí cos seus avós. «Isto é un atraso, con esa instalación teriamos máis oportunidades, eu quería instalar R e agora será imposible, teño contratado outra compaña e non vai nada ben», quéixase María. O seu mesma sorte córrena o resto de vivendas, algo máis de vinte familias.

Para o próximo ano está previsto que a rúa de Preto, famosa por albergar a casa Gótica e outros emblemáticos inmobles, tamén será aberta en canle para a mesma acometida pero, esta vez si, o Concello parece ter conseguido que outros servizos se introduzan nas entrañas desta vía.

O concelleiro de Obras, Antonio Vázquez Lorenzo, relata unha serie de colisións coas grandes compañas por esta causa. «Cando temos a documentación da obra xa preparada remitimos a outras empresas para que aproveiten para colocar nela os seus recursos -relata o edil de Betanzos-, e na rúa do Pinche non estaban interesados. Nós insistimos, pero non fixeron caso». A punto estivo de ocorrer o mesmo coa Cañota, unha obra moito máis sensible pola repercusión no tráfico de Betanzos. O Concello púxose farruco entón, especialmente coa compaña de gas, xa que lle interesaba a varios hostaleiros. «O alcalde chegou a ameazar á compañía, invitounos a aplicar o sentido común, a meter nese momento a súa canalización ou... en fin, digamos que cando quixeran facelo máis adiante noutras zonas ían ter máis problemas burocráticos», explica Vázquez Lorenzo.

Un caso surrealista

Recentemente na rúa Alexandre Bóveda, na zona nova, este concelleiro atopouse coa desagradable sorpresa de que Gas Natural pediu meter as súas tubaxes dous meses despois de acabar a obra de canalización. «Evidentemente dixémoslles que non, que non é de recibo... non imos andar furando a mesma rúa dúas veces no ano», explica.

No entanto, todo é moito máis sinxelo fose do centro histórico. Aquí as obras esixen a presenza dun arqueólogo, a demora dos traballos é maior por culpa dunhas pedras e pezas que se retiran para volver ser colocadas no mesmo sitio. Deste xeito, a Administración local atópase con outro serio contratempo na súa cruzada para invitar a repoboar o centro histórico de Betanzos.