«Pasei moitas, moitas, máis do que ninguén sabe, foi todo moi duro»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

ARTEIXO

JOSE MANUEL FERREIRO

Hai 14 meses sufriu un grave accidente na AG-55, do que se recupera con gran forza

23 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Vanessa Lafuente (30 anos) cambioulle a vida o 17 de abril do ano pasado, a consecuencia dun grave accidente de tráfico que a levou á uci do Chuac. Viaxaba no seu coche á Coruña pola AG-55, para participar na carreira 10k. No quilómetro 8, en Arteixo, o vehículo saíuse da vía. O choque foi brutal, e a atleta sufriu feridas graves en varias zonas do seu corpo. O peor, o traumatismo cranioencefálico. Aos poucos foise recuperando.

O domingo pasado, moitos afeccionados ao atletismo puideron vela e saudala na carreira de Carballo, da que foi a madriña. Por sorte, xa está moito mellor, dentro da dificilísima situación pola que pasou. Ela mesma resúmeo: «Xa menos mal. Podo ir traballar, que é o que eu quería. Ingresei o 17 de abril, ata o 30 de maio non me operaron. Pasei 13 días en coma, un mes sen espertar. Ao principio pensaban que perdía unha perna. Pasei mes e medio no Chuac, despois estiven catro en Oza, e en total un ano enteiro indo e vindo. Unha depresión, moito me custou todo isto. Pero polo menos podo ir traballar, que era o que quería, e con iso vou collendo ánimo. A vida cambioume».

Na súa evolución influíron diversos factores, pero uno foi clave, a actitude: «Loitei, loitei, loitei. Estiven cinco meses en cadeira de rodas, oito coxeando, con muletas...» Lembra que na etapa anterior pesaba moi pouco. Co tratamento engordou. Agora logrou baixar aos 50 quilos, e séntese moito mellor. «Pasei moitas, moitas, máis do que ninguén sabe, foi todo moi duro», sinala. Ósos da cara danados, a clavícula, a perna. «Pero a perna, ao final, era o menos grave. O peor era a cabeza, porque foi moito golpe. Tamén estiven dous meses sen poder ver dun ollo; despois, vendo dobre, agora xa vexo ben», relata. Hai moitos máis detalles, pero a conclusión final é que a evolución foi boa, que aínda o está sendo, que no traballo a fixeron fixa e que ten toda a ilusión por seguir adiante. «Pelexei moito. Andei, fixen piscina, fun baixando o peso, volvín traballar e agora estou de vacacións, ata o 3 de xullo. Todo vai indo», explica. Volver correr é imposible? «A palabra imposible non a usaría, pero as cousas xa non son como antes», di.

Apenas se acorda do que ocorreu aquel día. «Do que pasou, non. Sei que foi unha sorte que fose soa no coche. E tamén de que houbera unha ambulancia naquela peaxe. Un mes despois espertei e non sabía o que pasara», sinala. Agradece moitísimo o apoio de familiares, amigos, veciños. «Non teño palabras, un apoio total. Cando por fin puiden acender o móbil debía de ter máis de mil mensaxes. Foi incrible. Estou inmensamente agradecida. E o domingo pasado, o mesmo, chorei coa emoción, non me chegan as palabras», di.

É curiosa a súa progresión deportiva. Comezara no atletismo de competición máis ou menos dous anos antes, e varias vitorias e bos postos en carreiras populares. Tanto, que a tempada do accidente fichara polo Club Atletismo Sada. Pero unha cousa é dar o salto e outra é estar lonxe do atletismo. No seu caso, nunca o estivo: «Eu facía deporte dende os tres anos, corría pola praia de Razo dende os 12, disfrutaba moito correndo, indo de Carballo a Razo. Pasábao ben facendo quilómetros, e creo que non era mala».

De cara ao ano que vén, un obxectivo: «Heime apuntar á carreira de Carballo. Aínda que chegue a última», indica. O respaldo e os aplausos tenos asegurados.