O día que volveu «Pulp Fiction»

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

12 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Parece que non hai nada que nos guste máis que tratar de lembrar onde estabamos fai 15, 20 ou 25 anos. Que facías ti cando...? Poida que facerse esta pregunta ante o aniversario dunha película entre no capítulo de frikis, pero lembran en que cine viron por primeira vez Pulp Fiction? Pensarían niso o puñado de xente que o venres pasado case enchían unha sala dos cines de Marineda, onde se celebraban os 22 anos da segunda, salvaxe, gloriosa e desvergoñada película de Tarantino. Aínda que máis de tres cuartas partes do público non podían lembrar a estrea na cidade... simplemente porque non habían nado ou andaban en cueiros. Contábanse cos dedos dunha man os que si terían visto a película no 95, algún tan entusiasta que ata aplaudiu cando empezaba. Onde estarían quen gozaron daquela estrea en 35 milímetros? Xa non hai mitómanos na cidade ou simplemente con corenta e tantos o plan dun venres noite non é ir ao cine? Hai nenos que atender, obrigacións que cumprir? Esquecemos que un día nós tamén tarareamos You never can tell mentres imaxinabamos a Uma Thurman e John Travolta bailando descalzos?

Quizais é que algunhas citas se anuncian pouco: esta vez nin sequera aparecía na carteleira do xornal, e había que buscar con algo de ganas na categoría de eventos da páxina web do cine para atopala. Tanto, que á primeira hora da mañá, botaba de menos contar na cidade cun cine como os Numax de Santiago ou os Dúplex de Ferrol, por non saír da provincia, cines que programan algo máis que o que marcan as grandes distribuidoras e que alagan as salas que faga falta.

Onde estaba Pulp Fiction hai 22 anos na Coruña? A memoria do cineasta Ignacio Benedeti axuda a situar a estrea no cine Riazor, onde estivo unha semana en cartel. Logo pasou ao Avenida, conta. Pero tamén arrasou no Fórum Metropolitano, onde Benedeti era programador naquela época, «e a cola chegaba ata fóra. Completáronse todas as sesións e quedou xente sen entrar», lembra. Foron tres días, un pase o xoves e dous o sábado e o domingo. E nunca se viron semellantes cheos. Se el xa era fan de Tarantino, di agora que aquela cinta lle reafirmou «nunha admiración que perdura e increméntase».

Hai 22 anos as entradas en Internet, facer cola nuns multicines dun centro comercial, comprar un combo de palomitas capaz de alimentar a unha familia, ou que che ofrezan nachos no mostrador, era pouco menos que ciencia ficción... se nolo contaron entón quedaríallenos a mesma cara que a Vincent Vega ao abrir o misterioso maletín.