Pepe e o ximnasio das rocas

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Facendo memoria dos primeiros ximnasios que houbo nesta cidade parece -polo que me chivan os de ao redor- que o de Romay, o Judo Club Coruña, foi un dos pioneiros deste novo estilo saudable que se ha ir impondo nas últimas décadas. Eu lembro o da rúa Hércules; o Centurión, en Juan Flórez, ao lado da Torre dos Mestres, aos que ían sobre todo os mozos a mediados dos noventa. O Center, en Alfredo Vicenti, que tiña mesmo unha piscina e xogábase ao squash (eran os tempos nos que ata Woody Allen se atrevía a facelo con Sydney Pollack); e había outro moito máis vintage na rúa Pío XII, preto do mercado de San Agustín, que resistiu baixo os soportais durante moitos anos.

Entón empezar a facer deporte a diario, sobre todo entre as mulleres, era unha rareza, ata que nos empezamos a contaxiar daquelas primeiras táboas de Jane Fonda ou Eva Nasarre. «E un, e dous, e tres...». Os ximnasios aínda non se transformaron en gyms e suxerían un estilo máis próximo a unha formación militar de agarrarse ás espalderas que ao goce contaxioso de hoxe. Só hai que ver ás famosísimas mozas de Viveiro que, ataviadas coas súas pañoletas, convertéronse nun todo un fenómeno viral facendo o jumping-muiñeira ao ritmo de «sementar, sementarei» o Día das Letras Galegas.

Agora non hai centro cívico ou polideportiva de calquera barrio que non teña unhas instalacións decentes para dar zumba, bodycombat, aquagym, bodypump, sportbike, crossfit, boxing, aeróbic, gap (glúteos, abdominais e pernas), core (abdominais), redcord (adestramento en suspensión), taichí, pilates e centos de especialidades máis que nos modelan o tempo de lecer. Pero todos estes ximnasios non teñen nada que envexar ao que vai Pepe. Que quere estirar? Pepe sobe ás rocas de Matadoiro e alí fai a súa táboa diaria, arriba e abaixo, abaixo e arriba. Un pouco de natación? Lánzase a dar unas cantas brazadas no mar. Solarium? Ao paredón outro pouquiño a secarse e a seguir cos movementos de cintura... No outro extremo está Luis, á altura da rotonda das Escravas, apurando os exercicios que fai todos os días. Agora que aperta a calor, sen camiseta, ponse a traballar as sentadillas. Pimpán, pimpán. Para que están estes farois? Para apoiar o pé e dobrar todo o corpo sobre os xeonllos. E este banco? Para suxeitar os brazos e empezar a serie de flexións que ten marcadas. Nas escaleiras de Riazor apúrase nun exercicio continuo de sobe e baixa, e a súa elíptica é tan rápida como dar voltas unha e outra vez.

Entre Pepe e Luis, Coruña extremouse nun ximnasio ao aire libre abarrotado de xente facendo a posta a punto para o verán. Co que custa... Apúntasche?