A xestión de Ferreiro non chega ao aprobado

Carlos Agulló Leal
carlos agulló A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Valoración del alcalde y la oposición
La Voz

En ningunha das cinco zonas da cidade a nota outorgada ao goberno local chega ao cinco, e son os votantes da Marea e do Bloque os únicos que salvan o labor realizado polo alcalde nestes dous anos

15 may 2017 . Actualizado ás 09:58 h.

A nota outorgada polos cidadáns ao alcalde Xulio Ferreiro, que perde o aprobado que lograba na enquisa do pasado mes de xaneiro, vai parella á cualificación da súa xestión á fronte do equipo de goberno. É mesmo lixeiramente superior a nota persoal (4,8 %, cun 88 % de coñecemento) que a que merece a súa xestión, que queda nun 4,56 %. Esa valoración negativa non impide, de acordo cos datos da enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, que a Marea Atlántica gañe un concelleiro con respecto aos dez logrados en maio do 2015. Empata en número de edís e intención de voto co PP, que tamén gaña unha acta. Por contra, o PSOE derrúbase e pasaría dos seis concelleiros actuais a só tres. O BNG retén o seu escano e Cidadáns entraría cun.

A mala valoración que os cidadáns fan da xestión de Ferreiro é case xeneralizada. Non aproba en ningunha das cinco áreas nas que a enquisa distribúe os barrios da cidade e soamente obtería o aprobado entre os que manifestan ter apoiado á Marea hai dous anos (6,12), os que elixiron ao BNG (5,9) e os que teñen entre 30 e 44 anos (5,11). Os seus propios votantes non lle dan maior puntuación que a que obteñen entre todo o electorado os alcaldes mellor valorados de Galicia, o socialista vigués Abel Caballero (6,57) e o nacionalista pontevedrés Fernández Lores (6,16).

Xa na enquisa publicada en xaneiro pasado, do terzo longo de cidadáns que cualificaban de negativa a xestión da Marea (empatados cos que a cualificaron de positiva) un 44,7 % respondía que o actual goberno local non fixera nada. O aspecto máis puntuado entón eran as melloras sociais, cun 18,2 %. Algunhas das críticas máis comúns ao goberno municipal nestes dous anos de mandato son precisamente os problemas de xestión, con atraso de máis de cinco meses na aprobación dos orzamentos, demora na concesión de licenzas, atasco no desenvolvemento de proxectos que xa estaban encarrilados, paralización dalgunhas das súas propias propostas estrela, falta de diálogo coa oposición e escaso entendemento e atención a colectivos cidadáns.

Os veciños da área que abarca os barrios de Cidade Vella, Monte Alto e Pescadería son os que outorgan á xestión do alcalde a peor nota, un 4,29, aínda que é algo superior á que lle dan os maiores de 65 anos, que o suspenden cun 3,53. Nas eleccións xerais e autonómicas últimas, a Marea xa perdía en mesas desa zona nas que gañara nas municipais, aínda que retiña as de Monte Alto.

Roza o aprobado é os barrios dos Rosales , Agra do Orzán e a zona de Riazor, onde os veciños lle dan un 4,91. Os votantes desa zona son tamén os máis xenerosos coa xestión da oposición, cun 4,57. Os máis severos cuns e outros son os do Ensanche (Juan Flórez, Santa Lucía e San Diego), que outorgan un 4,31 á xestión do grupo do alcalde e un 3,63 á oposición. Nas zonas máis periféricas, que inclúe barrios como Novo Mesoiro, Eirís ou As Xubias tampouco a nota é boa para a xestión do alcalde, con algo máis dun 4,6, nin para a da oposición, que non supera o 4,3. Eirís, coa polémica polo proxecto Micasita para indixentes; a Falperra, polo centro de saúde e o mercado, ou Monelos, cos cooperativistas do Ofimático, son algunhas das zonas nas que o goberno ten ou tivo conflitos veciñais abertos.

Os votantes do PSOE e BNG dan peor nota ao labor da oposición que á do rexedor

Nunha situación de goberno en minoría e na que dúas dos partidos que non forman parte do executivo (PSOE e BNG) facilitaron a investidura do alcalde, a valoración da xestión apunta datos reveladores sobre o descontento cidadán tamén co papel da oposición. Os tres forzas alleas ao goberno saen peor paradas que o alcalde. Cunha nota de 4,07, nin as súas propios votantes dan o aprobado.

Os que apoiaron ao PP, que lle poñen ao alcalde un 2,8, valoran a xestión da oposición cun 4,73, os do PSOE cun 4,28, e os do BNG cun 3,83. Os que din ter votado a socialistas ou nacionalistas en maio do 2015 outorgan mesmo peor puntuación ao labor da oposición que á do alcalde. Os votantes socialistas -na valoración persoal conceden empate a Xulio Ferreiro e o portavoz do PSOE, José Manuel García- opinan que a xestión do rexedor merece un 4,48. Maior diferencia a favor de Ferreiro hai no caso dos que votaron ao Bloque, que aproban a súa xestión e danlle case un 7 en valoración persoal.

Desde o electorado de Cidadáns, que non ten representación en María Pita, o papel de Ferreiro non merece máis dun 2,57, mentres que a oposición queda para eles no 4,40.