Cociña a lume lento en fornos de cinco euros alimentados pola enerxía do sol

La Voz

A Coruña

NOELIA REI

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As nubes ameazaron con augar a festa, mesmo chegaron a descargar catro gotas, pero a media mañá despexou e o gran protagonista da xornada luciu sen barreiras. No campus de Elviña, nun aparcadoiro ocupado por cacharros, decenas de persoas pendentes do tempo celebraron con alivio que clarease. Sen sol fracasaría o invento. Unha batería de cociñas, fornos e dispositivos solares cos que a Oficina de Medio Ambiente da UDC, a asociación ecoloxista Adega e o Centro Integrado de Formación Profesional Someso organizaron por quinto ano consecutivo un encontro que ten por obxecto divulgar as aplicacións da enerxía solar na vida cotiá e fomentar o seu uso. Montaron os artefactos e tres horas e media despois, nunha exhibición como poucas de cociña a lume lento, compartiron pratos nun festín gastronómico que puxo fin ao evento.

Manual de instrucións

Tempo de preparación á parte, a facilidade con que se pode elaborar unha comida solar foi a idea que os divulgadores quixeron transmitir para avanzar nunha nova cultura enerxética que mitigue o cambio climático a través da redución e a eficiencia no consumo. Para iso, na web do instituto Someso e na revista Bote, editada por Adega, publicaron as instrucións para construír un forno, o custo aproximado se se fai con matriales recuperados (entre 3 e 5 euros) e o tempo de fabricación (tres horas).

O envite recibiu decenas de adhesións. Os participantes exhibiron os dispositivos e, mentres o sol ía facendo os guisos, realizaron unha visita á instalación fotovoltaica da cuberta do Citic, composta por 60 paneis, guiada polo técnico superior de Mantementos da UDC, Jesús Manuel Giz.