«O Ducado de Borgoña era a Paris Fashion Week medieval»

A Coruña

. eduardo pérez

Mónica Rey investigou no marco dunha tese a moda do século XV a partir dunhas laudas sepulcrais de San Francisco

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os «tocados de rolo» dunhas mulleres yacentes esculpidas en laudas sepulcrais do convento de San Francisco inspiraron unha investigación da historiadora da arte Mónica Rey Cabezudo que a conduciu ao Ducado de Borgoña, «o equivalente na súa época da Paris Fashion Week» e centro da fascinante e suntuaria moda do século XV sobre a que onte ofreceu unha charla na UNED.

-Por que datan neste século a orixe da moda?

-No século XV empezan a diferenciarse, por unha banda, as pezas femininas e masculinas máis aló do cinto, entallando as costuras. E doutra banda, é agora cando as elites empezan a diferenciarse a través do vestido e o resto intenta copialo.

-A situación inversa á uniformidade actual.

-Bo, agora pasa algo parecido. Grandes deseñadores ditan a moda e Inditex lanza a versión low cost. Pero si, a democratización tardou séculos en chegar, ata mediados do XX; de feito, había leis que prohibían o uso de determinados tecidos a persoas con rendas baixas.

-A riqueza das pezas ten parangón?

-Non, hoxe non se fai nada que se asemelle a un vestido de Isabel a Católica, por exemplo. A variedade de las, sedas, brocados... as teas transparentes dos veos, as crespinas, os fiados de ouro... A riqueza, elegancia, delicadeza da industria de Flandes era inmensa e humillante. Hai tecidos que nin sequera conseguimos identificar.