A Coruña está á cola de Galicia en vivendas rehabilitadas por habitante

Brais Capelán A Coruña / LA VOZ

A Coruña

ANGEL MANSO

A cidade tramita a metade de licenzas para restauracións que hai 15 anos

02 may 2017 . Actualizado ás 13:50 h.

Que na Coruña se rehabilitan poucas vivendas salta á luz na Cidade Vella, onde hai numerosos edificios en estado ruinoso e poucos exemplos de inmobles restaurados. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) non fan máis que confirmar as sospeitas. A Coruña está á cola das sete grandes cidades galegas en número de casas rehabilitadas por habitante. A pesar de non haber na estatística unha distinción por barrios ou distritos, pódese concluír que gran parte das reformas levan a cabo en zonas con inmobles antigos, como pode ser o centro coruñés.

Os datos -do 2015- sinalan que na Coruña hai un edificio ou vivenda en rehabilitación por cada 6.800 habitantes. Só Pontevedra, cunha poboación inferior pero un número paupérrimo de restauracións -13 no último ano catalogado- supera o caso coruñés cunha casa por cada 6.226 persoas. Con todo, hai que ter en conta que o concello pontevedrés conta cun dos centros históricos mellor coidados de Galicia, a diferenza da Coruña. O seguinte na lista sería Vigo, con 57 reformas durante o 2015 -una cada 5.175 habitantes-.

Na provincia coruñesa, as outras dúas grandes cidades tamén están diante en canto a vivendas en rehabilitación. En Santiago, durante o 2015 houbo 63 casas en estado de restauración, o que supón unha cada 1.520 habitantes. Doutra banda, Ferrol conta cun inmoble destas características por cada 3.351 persoas.

Hai que irse ata Lugo e Ourense para atopar os mellores rexistros de edificios en rehabilitación. Na capital lucense son 112 as casas destas características, o que supón unha por cada 879 veciños. E en Ourense hai 87 inmobles deste tipo, un por cada 1.228 habitantes.

Estes resultados varían lixeiramente na relación de licenzas para novas rehabilitacións durante o 2015. A Coruña tramitou un total de 32 documentos, un por cada 7.650 residentes na cidade. Nesta ocasión, non se trata da cifra máis pobre das sete grandes cidades galegas, xa que Pontevedra a supera ao ter rexistrado só nove licencias. O resto de urbes si concederon un maior número de licenzas que A Coruña para rehabilitar inmobles. De novo, Ourense e Lugo teñen as mellores cifras por habitante, cun documento por cada 1.018 persoas e 1.186 habitantes, respectivamente.

A Coruña concede hoxe a metade de licenzas que hai 15 anos, cando tramitou 72. Ademais, as rehabilitacións tamén minguaron das 233 do 2000 ás 36 do 2015.