Alvedro crece, pero menos

Fernando Molezún A Coruña / LA VOZ

A Coruña

AVION ATERRIZANDO EN EL AEROPUERTO DE ALVEDRO, SOBREVOLANDO EL ILS
AVION ATERRANDO NO AEROPORTO DE ALVEDRO, SOBREVOANDO O ILS PACO RODRÍGUEZ

Un ano despois da redución das axudas municipais, o aeroporto coruñés sobe un modesto 2,5%, fronte ao 37,5 % de Vigo, cuxo concello achega 4,4 millóns a Ryanair

25 sep 2016 . Actualizado ás 19:53 h.

Unha vez superada a tempada de verán chega a hora de facer balance, e os datos que guinda o aeroporto de Alvedro son bos. Continúa crecendo o número de pasaxeiros desde xaneiro ata agosto nun 2,6 % respecto ao mesmo período do ano anterior. Isto supón que ese reto eterno de superar o millón de viaxeiros ao termo do exercicio pareza estar asegurado, a pesar deste duro mes de setembro que deixou máis desvíos e cancelacións das previstas. Pero estas cifras ven ensombrecidas cando se realiza a inevitable comparativa co resto de aeroportos galegos, xa que Lavacolla acada un crecemento do 10,5 % -moi próximo á media nacional- e Peinador un rechamante 37,5 %. E outro aeroporto do noroeste de tamaño semellante ao coruñés, como é o de Asturias, e que asume cada vez máis viaxeiros do norte de Lugo (zona de influencia directa de Alvedro), creceu un 13,5 %.

O despegamento de Vigo ten explicación. Pechou o 2015 con pouco máis de 700.000 pasaxeiros (oito anos atrás acadara os 1,4 millóns), e desde o consistorio vigués decidiuse subvencionar con 4,4 millóns de euros a creación de novas rutas nos tres exercicios seguintes, concurso que levou Ryanair.

Políticas contrarias

Esta política contrasta coa levada a cabo desde o concello coruñés, onde o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, deixou claro desde un principio que non se continuaría con ese tipo de prácticas, que as conexións deben valerse por si mesmas e, recentemente, destacaba que de seguir a tendencia dos últimos meses, o 2016 pecharíase «cun aumento non número de pasaxes dun 5 % con respecto ao 2015 e cun custe 1,6 millóns de euros máis baixo do que se comprometera para ese ano». En xuño do ano pasado, o Concello decidiu reducir os convenios, valorados en case 3 millóns, con Air Europa, TAP e Vueling. Só o mantén con esta última.

Ata que exista unha coordinación real dos aeroportos galegos, a través da cal se aplique una mesma política financeira aos tres aeródromos -algo que reclama, entre outros, o presidente da Confederación de Empresarios, Antonio Fontenla-, quedará ao libre xuízo de cada goberno local o dar axudas ou non ás aeroliñas. A xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, matiza a conveniencia deste tipo de subvencións: «Persoalmente creo que non é a política correcta, aínda que é evidente que hai compañas que tes que subvencionar nun principio». En termos semellantes exprésanse desde a plataforma Alvedro Voa Máis Alto: «Vemos con bos ollos que se vaian reducindo as subvencións, pero se es o único que o fai xorde o agravio comparativo, que é o que nos está pasando agora. Aínda así, as achegas poden ser positivas para abrir novas rutas, pero nunca deben prolongarse no tempo». Esa aposta por que as rutas se manteñan por si mesmas é compartida polo presidente da Cámara de Comercio, Marcelo Castro Rial, que cualifica as axudas como «un mecanismo que pode utilizarse de xeito puntual».

A isto hai que sumarlle o feito de que, canto maior é a pasaxe que rexistra un aeroporto, máis complicado é acadar altas porcentaxes de crecemento. Alvedro pasou por unha profunda fochanca tras a desaparición de Spanair que se superou coa chegada -previo acordo co Concello- de Air Europa hai dous anos. Nese exercicio rexistráronse meses nos que o crecemento era semellante ao que mantén Vigo este ano. Supón isto que Alvedro tocou teito ao superar o millón de pasaxeiros? «Podería crecer moito máis. A área de influencia de Alvedro abarca tamén a provincia de Lugo, xa que coa A6 é máis rápido e barato chegar aquí que a outros aeroportos. E vai máis aló de Galicia, grazas a voos como o de Londres Heathrow ou un hipotético voo a Alemaña de Lufthansa. A menos dunha hora, Alvedro ten 1,3 millóns de usuarios potenciais, o maior número entre os aeroportos galegos», asegura Voa Máis Alto.

Aínda ten, polo tanto, moitas posibilidades de crecer, e o equipamento permíteo. Só queda conseguir eses novos destinos que reclaman os sectores turístico e empresarial.