«Fausto»: o pacto da música co cine

Alfonso Andrade Lago
Alfonso Andrade CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«¡Unha gotita de sangue! ¡O sangue é un zume moi especial!», rumorea o perverso Mefisto (Emil Jannings) ao incauto doutor Fausto (Gösta Ekman) cando o seduce para asinar o contrato letal na extraordinaria película Fausto, realizada en 1926 por Murnau a partir da obra inmortal de Goethe. Descoñezo con que asinaron o seu pacto os responsables da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e a Mostra de Cine Periférico S8, pero, esta vez co ben como pano de fondo, o acordo non pode ser máis acertado. Primeiro, porque os coruñeses poderán gozar o 26 de maio no Palacio da Ópera da proxección en pantalla grande dunha dos cumes do cine mudo, da partitura creada para a película por Jesús Torres, Premio Nacional de Música no 2012, e da interpretación da mellor orquestra de España. É dicir, un espectáculo dificilmente superable por calidade. E en segundo lugar, porque o pacto da música co cine, sempre interesante, parece nesta ocasión necesario e beneficioso para as dúas institucións.

A OSG, na súa pugna vital por gañar novos públicos, ten no cine un filón intergeneracional inesgotable. Con intelixencia ha ir facendo incursións nesta arte, como a sonorización, tamén no Palacio da Ópera, de De profundis, de Miguelanxo Prado, ou a programación das cantatas Iván o Terrible e Alexander Nevsky, de Prokófiev (para os filmes de Eisenstein), esta última, considerada a primeira banda sonora da historia do cine, e na miña opinión, a mellor.

O S8, unha mostra nada a maior gloria dos pequenos formatos, como o super-8, herda nesa concreción a especialización que xa procurou nos setenta outro proxecto coruñés, o Festival de Cine de Humor da Coruña (1972-1983). Hoxe tería 45 anos, e foi un referente en tempos en que na cidade se proxectaban, por exemplo, ciclos sobre Jacques Tati.

Agora que o S8 chega á súa oitava edición, atopará en Fausto e a OSG un trampolín excelente para lograr unha dimensión maior da que ten. A Mostra renderá tributo ao mestre do claroscuro, e no auditorio cegarán escenas que parecen cadros de Rembrandt e resoarán entre acordes sombríos a palabras coas que se inicia esta obra mestra: «Mira: as portas das tebras hanse aberto e os horrores dos pobos galopan sobre a Terra».

Este pacto de música e cine será unha festa para a cidade, e é ademais un exemplo de como facer ben as cousas en arte, pois as dúas entidades se van a beneficiar do acordo..., xa veremos ata que punto, que, como di Fausto ao estampar con sangue a súa firma, «en recompensa, meus serán todo o poder e a gloria do mundo».