Santa Margarida de Muíño, en Zas, mantén poder de atracción

La Voz

ZAS

A misa e as merendas congregan a penas chegadas de moitos puntos da Costa da Morte

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O arraigamento de Santa Margarida de Muíño (Zas) é tan fondo que ata veciños da comarca que onte non puideron acudir a ela tiñan a mente posta na celebración e festexaban que lle cadrou bo tempo. É, sin duda, unha das romarías con máis historia da Costa da Morte e a asistencia a ela vaise herdando de xeración en xeración, aínda que os tempos e as formas cambien. Ou non tanto.

Constatárono varios dos onte consultados, como Mónica López, que acudiu coa súa pena desde Baíñas (Vimianzo). Eran uns 40, entre amigos e familiares e acoden desde hai moitos anos, «todos». Tanto é así que o que non está de vacacións pide o día libre para poder asistir. «Somos todos xente moza. A máis pequena ten 3 anos», detallaba, como proba de que esa afección pola Santa vai inoculándose duns a outros. Con permiso da misa de campaña e da procesión, acto central da celebración para moitos, son as merendas con espírito familiar as que tamén dan moita da súa identidade a esta romaría. Para a pena de Mónica a festa empeza xa o día antes, coa instalación da carpa, e segue ata ben entrada a madrugada, despois da cea e coa necesaria verbena.

Tamén sobre uns 40 eran na pena de Martín Trillo , chegado desde Salto (Vimianzo). «Estase moi ben, coma todos os anos», dicía el, de 30 anos. «O diferente que ten esta festa son as merendas. Vés para aquí todo o día, disfrutas, desconectas...», abundaba. Na súa casa, a Santa de Muíño é cousa de toda a vida: «Xa os máis vellos viñan».

O zume novo a cargo de a comisión -para esta edición chegouse a dubidar de se finalmente podería haber festexos- permitiu levar a celebración a cabo, e así se puideron ver onte algunhas das postais máis características: a imaxe aos ombreiros de fregueses na procesión; as peticións a pé da fonte de auga milagreira; as entradas e saídas da capela ou, tamén, os bailes da sesión vermú. Ata de Asturias había asistentes.