O cura de Baio quere que a casa de Romero de Lema garde a memoria do arcebispo

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. Lado CEE / LA VOZ

ZAS

A limpeza da leira serve como preludio dun proxecto a longo prazo para dotar á parroquia de distintos servizos e estancias

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A casa familiar do arcebispo Maximino Romero de Lema en Baio, que pertenceu aos seus pais e na que naceron todos os seus irmáns, estaba convertida nunha auténtica xungla. Ao longo dos anos mesmo se chegou a empregar para o depósito de lixos, como demostran as cadeiras e mesas escolares e outros desperdicios varios retirados polos fregueses na limpeza coa que tratan de devolverlle polo menos visibilidade á obra.

O párroco da localidade, Francisco Gómez-Canoura estivo onte nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños, onde explicou as circunstancias nas que se atopa a vivenda, o sentido do legado do propio relixioso, falecido hai dous decenios e que chegou a ser secretario no Vaticano para a Congregación do Clero, así como as intencións que ten de cara á súa recuperación.

O cura xa anticipou que está a falar de nada inminente porque a parroquia tampouco vai sobrada no económico e agora a súa prioridade é reparar a fachada da Igrexia Nova, que sofre desprendementos. Iso si, teñen en mente diversas intervencións que respectan o desexo de Romero de Lema e que dotarían á comunidade duns espazos e servizos dos que agora non dispón.

Tamén en Radio Voz onte mesmo, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, explicou que fai nove anos trataron de chegar a un acordo coa Igrexa para facer alí un centro cultural. A pesar de que o párroco de entón mesmo enviou a Santiago unha carta en apoio da iniciativa, o Arcebispado nunca contestou e acabaron construíndo o actual Centro Sociocultural de Baio nun edificio novo grazas ao Plan E de Zapatero .

Gómez-Canoura sinalou que descoñecía os particulares daquela negociación porque leva pouco máis de medio ano en Baio, pero cónstalle que xa naquela época, o inmoble, cunha excelente factura de cantería atopábase «medio en ruínas». Tamén lembrou que a intención do arcebispo, quen doou o inmoble e o conxunto da leira na que se levanta a igrexa, era «que fose unha casa reitoral e que nela puidese vivir máis dun sacerdote. Xa era un adiantado aos seu tempos e vía vir unha baixada no número de curas, polo que pretendía que tivesen uns servizos mínimos para facer unha vida en común e non estivesen sos».

Agora, o párroco pretende manter esa idea, pero incide en que «Baio ten dúas igrexas, pero non ten ningún local», co que considera que, dado o tamaño da vivenda e que Cáritas funciona nun baixo cedido por un veciño, unha futura rehabilitación podería dar saída a todas esas necesidades. Ademais, do espazo para a institución benéfica e estancias para a catequese e outros actos que se poidan celebrar na parroquia, Gómez-Canoura, cre xusto facer tamén «algo na honra de don Maximino porque ten o nome da rúa principal e do instituto para o que donou os terreos, pero moita xente nova non sabe quen era. Manter a memoria da xente boa é progreso para os pobos. Así que pensamos nunha especie de museo coas súas cousas: fotos...».