A gripe aviaria

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

ZAS

27 abr 2017 . Actualizado ás 21:10 h.

Un veciño da aldea do Castrado, en Cerpezóns (Pontevedra), respondeulle a unha xornalista de La Voz de Galicia por mor da intervención da Xunta no peliagudo problema que pode representar a gripe aviar, que tamén afecta á veciñanza dos concellos de Zas, Vimianzo, Ribeira e Mazaricos: «Se me obrigan a dar de alta as quiricas, mátoas e listo. Total, teño poucas». Este é o mellor debuxo da idiosincrasia galega que non confía das verdadeiras intencións das súas autoridades. ¡Gato escaldado!

Hai uns días contábame o home de Melania, unha veciña

lucense, a carraxe que collera cando despois de facer 2.000 quilómetros para plantar as súas patacas na zona de Ferrolterra non lle deixaron. De seguro que ese é o estado de ánimo das persoas que aínda quedan nas nosas aldeas nas que, cando menos, en cada casa hai un galiñeiro. Agora ben, a consellería, neste caso, atina xa que estamos diante duns virus que, como o que chaman H5N1, pode resultar mortal. De feito notificouse a súa presenza en 16 países cunha mortalidade do 50% dos contaxiados, habendo moitas variedades como o H7N9 que fai algúns estragos en China. Tamén se está estudando a transmisión a outros animais domésticos, porcos e vacas, cans e gatos. Do que levo lido todo semella que non é preocupante, pero que convén mantelos en vixilancia. Quero rematar dicindo que estaría moito máis tranquilo consumindo ovos e polos da casa que dos que teño que mercar en calquera supermercado, esperando que o Goberno galego pense e actúe en consecuencia.