«É moi complicado facerse cargo do mantemento dun pazo hoxe en día»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Emprenden unha nova etapa na que abrirán o lugar a eventos sociais. O primeiro deles será unha cea benéfica en favor dos refuxiados sirios, que se celebrará mañá

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non todo o mundo ten a sorte de crecer entre paredes cargadas de historia, onde o tempo parece encapsularse en cada esquina, en cada corredor, en cada estancia. Teresa Noguera é unha as poucas persoas que contan con ese privilexio. Desde que o seu bisavó comprase e restaurase o Pazo de Trasariz no ano 1880, catro xeracións utilizárono como vivenda.

O Pazo, fundado no século XVII pola Casa de Altamira, foi reformado en numerosas ocasións desde que fose adquirido pola familia de Teresa . «O meu bisavó comprouno en ruínas e adaptouno máis tarde ás súas necesidades. Tamén os meus pais levaron a cabo reformas; sobre todo nos chans e o tellado, que tiña humidades; así como en estancias interiores».

Trasariz ten tanto de emblemático como de descoñecido, pois son poucos os que poden presumir de ter posto os pés no seu interior. «Ao tratarse dunha vivenda privada -na que residimos, sobre todo na época de verán- non temos pensado abrilo ao público xeral, polo menos os interiores, xa que suporía non só un investimento en persoal que realizase visitas guiadas, senón unha especie de invasión da nosa privacidade familiar».

Con todo, no que se refire aos exteriores, embárcanse na actualidade en nova etapa na que si abrirán certas zonas ao goce público. En concreto, ofrecerán a posibilidade de organizar actos nos seus xardíns, nun espazo que excede os mil metros cadrados e que se atopa flanqueado pola historia que desprende tan máxico lugar. «Queremos chegar tanto a particulares que queiran celebrar actos sociais, como a empresas que organicen actos corporativos».

No breve período de tempo que levan funcionando, acolleron xa nos seus xardíns dúas vodas de moi diferentes estilos. «Un mozo de Vimianzo, precisamente, foi o primeiro en casar aquí. Tiveron unha voda moi enxebre e orixinal na que invitaron a case doto o pobo, con pulpeira e churrasco incluído. E o certo é que quedaron encantados coa experiencia».

«Estamos moi sensibilizados coa situación da sociedade siria»

Mañá acollerán «o primeiro de moitos actos que terán lugar aquí no Pazo»: unha cea benéfica en favor dos refuxiados sirios. «Creemos que é unha boa forma de dalo a coñecer ao público e, ao mesmo tempo, levar a cabo un bo labor social». En canto ao colectivo escollido, sinala Teresa que están «moi sensibilizados coa situación da sociedade siria. Son centos de miles de nenos e anciáns, principalmente, que non teñen un lugar onde vivir e ven obrigados a abandonar o seu país de orixe. Non deixa de lembrarnos a situación vivida polos españois non hai tanto tempo».

Oxfam Intermón, así como a empresa colabora con elas na celebración do evento, no que os comensais gozarán dunha velada en grao sumo movida. «Haberá dous menús: un para adultos, e outro para os máis pequenos. Ademais tamén contaremos cun trío musical, a disco móbil Factory e o actor e monologuista Dani Currás. Tamén haberá un mago e animación infantil para o goce dos nenos».

O uso hostaleiro destes espazos é un aspecto que Teresa aconsellaría «a calquera que teña un pazo en propiedade. Hoxe en día, cuns soldos normais, é moi complicado facerse cargo do mantemento dun espazo como ese ,e a súa apertura á celebración de actos vaiche axudando». Ademais, é unha boa forma de que o público xeral coñeza un espazo de tan alto valor patrimonial, que permanecería pechado de non ser pola iniciativa dos seus donos.