Así se arruína un concello

Lois García Carballido TRIBUNA ABERTA

PONTECESO

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Moitos veciños de Ponteceso saben que a débeda de 5,5 millóns de euros metéunola Fondo a traizón durante dez anos. Non foi cousa dun día. Enganaba coas cifras e tamén se puxo un bo soldo de 49.000 euros por ano e contratou un asesor de alcaldía «para comunicación». Un señor que fora candidato por outro partido. Segundo a conta xeral daquel ano, os veciños pagaron 190.000 euros. En concreto, 140.083 euros de soldos de concelleiros e asesor, e 50.510 euros da súa seguridade social. Lois Carballido leva case dous anos sen cobrar de alcalde e non ten persoal eventual, porque iso tiña que aprobarse en pleno e figurar no orzamento.

Os avogados de Fondo custaron aos veciños dende 2008 a 2015 un espanto de 209.297 euros, iso que conseguimos unha quita do 25 % sobre débeda pendente porque nin sequera lles pagaba. Tivemos que darlles 68.223 euros no 2016 para liquidalos. Ademais gastou en procuradores 19.010 euros. Agora non hai ocultación de facturas de avogados nin procuradores como fixo Fondo porque este Goberno administra ben os cartos públicos para baixar a débeda sen subir impostos.

Claro que o bo traballo dos autónomos que contratamos en defensa do interese dos veciños moléstalle a Fondo porque destapou algúns dos seus chanchullos, pero creo que contratar verbalmente 1,5 millóns de euros á mesma empresa e pagalos sen certificación é un delito e, por iso, actúa a Fiscalía. Non imos pagar 450.000 euros que reclamaron no xulgado sen pelexar ata o último céntimo en defensa dos veciños. A RPT, se a tiña, por qué non a aprobou en pleno en 22 anos? Era máis sinxelo o clientelismo na política laboral, incluso contratación indefinida de familiares de políticos e empregados municipais. Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso.