Os asesores de Carballido

José Luis Fondo Aguiar TRIBUNA ABERTA

PONTECESO

30 abr 2017 . Actualizado ás 18:00 h.

Canto gasta o alcalde de Ponteceso en asesores? Parece que cinco dedicacións exclusivas non son suficientes, xa que o señor Carballido destina máis diñeiro dos veciños en tres asesores persoais. Tendo un técnico municipal contrata, sempre a dedo claro, a un enxeñeiro privado para que informe se as obras executadas hai anos, como bacheos ou recheos de area, levaron a cabo, ou non, ou se era a cantidade de area adecuada. Debe de ter un bóla de cristal este enxeñeiro para coñecer estes feitos, e co único obxectivo de prexudicar a un empresario.

Doutra banda temos ao seu asesor persoal. Este non é un asesor calquera, senón un compañeiro de partido, un exconcelleiro socialista de Ames, que formou parte daquel goberno municipal entre o 2007 e o 2010, ata que o alcalde naquel momento cesouno e agora pásase case todas as tardes no consistorio. A este experto teno para os seus enfrontamentos co persoal. É moito máis adecuado para os seus intereses persoais pedirlle ao seu propio asesor e compañeiro de partido que se encargue el de facer, por exemplo, a relación de postos de traballo, que contratala legalmente a un empresa experimentada e obxectiva. E iso que no Concello xa hai unha RPT entregada pola Deputación en base a un subvención, pero está claro que aos compañeiros hai que mantelos… Aínda que iso supoña tirar 30.000 euros ao lixo.

E o terceiro en cuestión, o famoso avogado das querelas. Este é o único con contrato. Contrato directo e con informes contrarios de secretaría, intervención e o avogado da Deputación.

Estes tres profesionais explicáronlle nos seus informes que non pode contratar con diñeiro público ao seu avogado persoal por dous motivos: primeiro, porque o di a lei, que é ilegal. E segundo, e isto xa o digo eu, por decencia.

Así estamos como estamos, sen saber quen paga as querelas penais, pero sabendo que algo raro hai, á parte de ilegal, cando a día de hoxe aínda non nos ensinou ningunha factura deste avogado pagada do seu propio peto. José Luis Fondo Aguiar. Portavoz do PP de Ponteceso.