Moraime agarda fondos que salden a débeda coa súa milenaria historia

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

MUXÍA

FERREIRO

A reitoral abrirá como aloxamento en xuño e agárdanse proxectos importantes

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A apertura en xuño da antiga reitoral de Moraime como hostel, un concepto que triunfa en toda Europa e que mestura cuartos compartidos tipo albergue cos servizos propios dun hotel, aspira a marcar un punto de inflexión para este enclave milenario, dos máis importantes -por non dicir o que máis- a nivel patrimonial da Costa da Morte e que atravesou por séculos de abandono. De feito, a pouco que se concreten os plans de investimento público que hai sobre a mesa, Moraime poderá recuperar esa categoría de punto neurálxico da zona, referencia turística sobre todo a través do Camiño e espazo destacado para a cultura.

O alcalde, Félix Porto, non quere soltar peza, porque di que non lle gusta nada anunciar cousas que aínda non ten do todo atadas, pero os tiros van no sentido da recuperación arqueolóxica da contorna, que conserva restos visigóticos e probablemente mesmo vestixios romanos, como os da fonte próxima á igrexa. A idea pasaría, xa que logo, por implicar a Concello, Xunta e Deputación e o resultado final podería ser un museo ao aire libre entre outras actuacións.

Porto xa se comprometeu a pór da súa parte co diñeiro recibido polos eólicos e agora falta que se concreten as intencións autonómicas e provinciais, aínda que as perspectivas son boas.

De momento, o que hai en firme é o compromiso de patrimonio para recuperar os valiosos frescos do muro norte da igrexa, que xa acumula máis dun ano de atraso despois de que se probasen con éxito as técnicas na representación do papa Pío II da parede oeste, e a apertura da antiga reitoral.

O promotor, Francisco Canabal, asegura que van abrir en xuño, aínda que a data da inauguración oficial determinaraa a axenda do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cuxa presenza está prevista.

«As obras atópanse rematadas e estamos xa co mobiliario. Eu quedei moi contento co resultado, porque era un reto moi importante sacar adiante algo así nun lugar con tanta historia e, a verdade, resulta moi gratificante porque á xente de Muxía e da contorna parece que tamén lle gusta porque me están felicitando», sinala Canabal que, a nivel burocrático, está pendente dunha autorización de Patrimonio, despois de presentar de novo toda a documentación ante a Xunta, o Concello e outros organismos. Concretamente trátase dun reformado dos permisos, «que nin sequera é un cambio de uso, o uso é o mesmo só que en lugar de hotel será un hostel», di o empresario, que non cre que vaia a haber problema algún neste sentido.

Canabal compromete o seu apoio a nivel empresarial e persoal para devolverlle a Moraime ese lugar preeminente que tivo durante moitos séculos na historia da Costa da Morte. «Se conseguimos implicar á Xunta e a Deputación, eu creo que pode saír de aquí algo bonito e importante», afirma.

Tamén o alcalde, aínda que se mostre remiso a entrar en detalles, ve grandes posibilidades para a contorna. Durante anos queixouse do estado de abandono, denunciado por múltiples personalidades do mundo da cultura, e tamén agradeceu as obras da Xunta cando se produciron. Agora considera que están ante un momento que pode marcar un punto de inflexión e, do mesmo xeito que todos os implicados, confía en materializalo.

O plan inclúe a apertura ao público da igrexa co fillo da gardiá do templo de guía

Moraime, co seu mosteiro do século XI e declarado monumento nacional en 1972, culminou a súa decadencia no século XV e a Desamortización, cando xa só quedaban nel dúas ou tres monxes, asestoulle a puñalada definitiva, tal como sinala o historiador muxián Manuel Vilar. As terras retiradas á igrexa foron vendidas a un veciño a finais do XIX e son xa moitos centos de anos de degradación, como testemuña o estado dos frescos descubertos en 1974.

Agora todo iso podería cobrar unha nova vida e con Estanislao García Touriñán, o fillo de Selvita, a gardiá do enclave durante decenios, nun papel protagonista. O empresario Francisco Canabal explica que xa lle pediu permiso á Igrexa para ter unha chave do templo para abrilo a diario e realizar nel visitas guiadas en galego, castelán e inglés, que expliquen a súa importancia histórica por unha cantidade simbólica que lle será entregada á propia Igrexa. Estanislao sería a persoa encargada diso.