A coruñesa Emma Pedreira leva o premio López Abente de poesía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Na mañá de onte reuniuse o xurado encargado de elixir ao gañador do certame

21 jun 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O terceiro premio de poesía da Fundación Gonzalo López Abente recaeu na coruñesa Emma Pedreira. A súa obra colle a testemuña da de Laureano Xaquín e será publicada en Edicións Xerais.

Na mañá de onte reuniuse o xurado encargado de elixir ao gañador do certame. O lugar escollido para realizar o fallo foi a biblioteca Santiago Rey-Fernández Latorre de Muxía. Os poetas Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Miguel Ángel Mato Fondo e Modesto Fraga decidiron por unanimidade que a obra S/t fose a gañadora. A artista e técnica de cultura muxiana, Viki Rivadulla, realizou as funcións de secretaria. Con este resultado, o xurado premia unha obra que profunda nos «grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que sona moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo».

Ademais da publicación da obra, Emma Pedreira recibirá un premio en metálico de 2.000 euros e unha figura de Viki Rivadulla.

A entrega do premio será o próximo 11 de xullo no Salón do Voluntariado de Muxía. No acto participará o gañador da edición anterior, Laureano Xaquín, e o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, que falará da figura de López Abente.