O faro de Fisterra renóvase por fóra e potenciará a visión que ofrece ao mar

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

santi garrido

A Autoridade Portuaria prevé «incrementar o contraste» coa contorna para lograr mellor visibilidade

21 jun 2017 . Actualizado ás 07:49 h.

O faro de Fisterra, un dos máis importantes e coñecidos de España, construído en 1853, está en obras, como advirten os miles de visitantes ao ver a torre rodeada de estadas. Hai dúas actuacións en marcha, segundo informa a Autoridade Portuaria. A primeira é a mellora das condicións de impermeabilización de dúas cubertas. Están a colocarse novos sumidoiros en ambas as terrazas, ademais de instalar novas baixantes pola fachada exterior do edificio, e a aplicación dunha membrana impermeable de poliurea (un polímero sintético, moi resistente á abrasión, que non hai que confundir co poliuretano) aplicada en quente.

Por outra banda, está a rehabilitarse a fachada da torre, que presenta un problema de filtración de auga cara ao interior. É de pedra; porosa, xa que logo, así que traspasa a de choiva e a concentrada no ambiente. «Por iso é necesario acometer diversas actuacións que contribúan a mellorar a protección da súa fachada, para evitar esas filtracións», explican desde a Autoridade Portuaria.

En ambos os casos inclúese a limpeza e o repicado das xuntas en toda a superficie frontal e o posterior selado, incluído un tratamento con material hidrofugante.

Finalmente, e a maiores dos arranxos necesarios que entran máis ben no campo do mantemento, a institución titular do faro fisterrán previu mellorar as condicións visuais do edificio. «Acometerase outra actuación que mellore estas condicións a través da potenciación da característica de cor do faro, incrementando o contraste coa contorna e mellorando xa que logo a súa percepción desde o mar».

O edificio principal do faro, e os seus anexos, tamén necesitan unha capa de pintura nalgunhas paredes exteriores. Na frontal, pintadas feitas por vándalos levan meses visibles para centenares de persoas, algúns días (os de menos visitantes) ou miles, nas xornadas de maior tránsito en plena tempada alta. Nunha lateral posterior do edificio da sirena ocorre o mesmo.

Doutra banda, desde o Concello seguen á espera de poder negociar coa Autoridade Portuaria para facerse coa xestión das instalacións, das que se ocupou Neria nos últimos anos. De momento, o faro segue pechado.