Tratado ceense sobre a hipocrisía

CEE

23 may 2017 . Actualizado ás 21:23 h.

Se houbese que resumir o pleno de Cee do venres cunha palabra, sería, sen ningunha dúbida, hipocrisía. Polas veces que a empregaron a portavoz do PP, Zaira Rodríguez, e o alcalde, Ramón Vigo, e porque, en certa medida, o debate en cuestión non está exento dela.

Todo veu a conta da necesidade de elaborar un plan económico financeiro para dous anos e de como o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación ha descuadrado as contas municipais, ao momento de que con 500.000 euros de remanente o Concello vese obrigado a recorrer a estes instrumentos contables.

Por seguir coa terminoloxía, podería dicirse que o propio plan -á marxe da utilidade puntual que poida ter- xa é en si hipócrita ata no enunciado, porque pouco aforro se pode dar pagando débeda con máis débeda, aínda que sexa interese cero.

Neste contexto, o descuadre xa vén de lonxe, precisamente do goberno popular de Zaira Rodríguez, e mantense, ao momento de que agora Vigo, para cumprir coa regra de gasto ten que pospor as obras da piscina e a de saneamento da Pontella, ademais de amortizar a praza de albanel, algo no que a socialista Margarita Lamela xustificou o seu voto contrario, mentres o resto ou apoiaron as medidas ou se abstiveron. De feito, esa implicación de ambos os gobernos, aproveitouna Serxio Domínguez (BNG) para afirmar, en ton distendido, que a esas alturas acadara xa o debate que «entre todos a mataron e ela soa morreu».

Con todo, as referencias á hipocrisía viñeron sobre todo porque Vigo leva anos xa queixándose de que Rodríguez amortizara a praza de tractorista e agora el, tal como botoulle en cara a popular, vén facer o mesmo coa de albanel. «Claro é que unha cousa é estar no goberno e outra na oposición», espetoulle a portavoz do PP, por máis que Vigo insistise en que «vos tempos políticos cambian» e en que as situacións non son comparables.

En calquera caso, hai outros compoñentes de fondo tampouco exentos de hipocrisía, porque cada un valora o PAI e cualifícao a conveniencia, porque, á fin e ao cabo, non deixa de ser un crédito a interese cero. Así, Rodríguez chegou a asegurar que «non compensa solicitalo -de feito, agora non o farán, polo menos este ano e seguramente tampouco o seguinte- salvo para algo moi urxente», cando ela mesmo o pediu para obras necesarias, pero como tantas outras. De feito, o ano pasado os opositores a Vigo non lle deixaron empregalo para a Escola de Música, porque había que pagar débeda, e esta vez, en situación parecida, si o ían a meter en obras. O devandito, distintas hipocrisías.