Bonificacións sen fin no polígono

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CRÓNICA

CARBALLO MUNICIPIO

24 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non fai tanto, as bonificacións que o Concello de Carballo concedía ás empresas que se instalaban no polígono de Bértoa chegaban a contagotas. Bonificacións en forma de exencións do 95 % do pagamento do Impostos de Construcións, Instalacións e Obras, que non é que sexa o principal, pero supón uns bos aforros (e un incentivo: así foi pensado no seu momento) para as pequenas e medianas empresas que xa teñen bastante con pagar relixiosamente os créditos. Canto máis investimento, máis aforro, porque o ICIO anda polo 2 % do total, que así queda en moi pouco. Pero eses goteos empezan ser a choiva fina e constante, por sorte para o tecido industrial de Carballo e a consecuente creación de emprego. De noticia pasou a rutina. Empeza a ser complicado facer contas, non como ao principio, cando case se sabían de memoria as cifras. Pois a semana que vin, máis. O pleno (como estamos en festas non será este luns, senón que se apraza ata o mércores) aprobará a concesión de catro novas bonificacións no parque empresarial (e outra máis para un centro de especialidades na Avenida dás Flores): unha carpintería de madeira que investirá 254.000 euros; outra de produtos químicos, con 238.000 euros no proxecto; outra de carpintería metálica de 198.000, e unha agroindustrial maior que as anteriores, con 1,4 millóns de euros de orzamento.

A estas catro, únense as de plenos máis recentes, e no que vai de ano suman xa 13 bonificacións para outras tanta iniciativas industriais, segundo os datos que deu onte a coñecer o alcalde, Evencio Ferrero, cando presentou os asuntos da sesión do próximo martes. Así que igual non andaba moi desencaminado cando hai poucas semanas auguraba que, en poucos anos, quizais non máis de cinco, o polígono queda pequeno xa haxa que ir preparando unha segunda fase. ¡Quen o diría fai apenas catros anos, cando os toxos copaban case a totalidade do parque! Certo que nalgunhas parcelas aínda ocorre, pero a este ritmo a rozadora non tardará en chegar a elas. A claves, é evidente, non está e o que se aforran do ICIO, senón na importancia estratéxica do polígono, a lenta, pero parece que real recuperación económica, e a venda a metade de prezo das parcelas. Todo suma, e o polígono de Carballo vive un momento excepcional que, postos a pedir, puido chegarlle antes.

Outros non venden tanto, pero cando o fan destacan. Véxase o que pasou con Inditex na Laracha, cun investimento previsto de máis de 57 millóns de euros. Ademais de lograr unha rebaixa do 25 %., grazas a ese 95 % de bonificación deixa de pagar ás arcas municipais un millón de euros. ¡Esas si son cifras!