Detido un carballés de 17 anos acusado de violar a unha moza de 15

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A Garda Civil investiga outra suposta violación en Carballo. ou. Os axentes tratan de determinar se ambos os feitos gardan relación

23 jun 2017 . Actualizado ás 14:06 h.

Un mozo carballés de 17 anos foi detido no marco dunha investigación aberta pola Garda Civil debido a unha denuncia por violación presentada por unha moza de 15 anos, residente tamén da localidade.

Os feitos ocorreron entre as catro e as cinco da tarde do luns día 12. As primeiras hipóteses apuntan a que a vítima se atopaba nas inmediacións da estrada que enlaza con Razo, nas proximidades da urbanización abandonada Costa Nariga, coñecida por Riotorto. A moza atopábase soa e topouse de fronte co presunto agresor, veciño do barrio periférico do Sisto, ao que coñecía dos ambientes xuvenís de Carballo . Non queda claro se quedaran ou se foi un encontro casual. O que si é seguro para a Garda Civil é que a menor foi forzada a manter relacións sexuais nun escampado tras ter sido ameazada, supostamente, cunha arma branca.

Tras presentar denuncia, o Equipo de Mulleres e Menores da Garda Civil (Emume) fíxose cargo do caso. A vítima foi trasladada ao Chuac (xa se atopa en casa), mentres axentes de paisano levaron a cabo un dispositivo para dar co suposto agresor, que tras perpetrar a violación haberíase refuxiado en casa dun achegado. Finalmente foi arrestado o mércores da pasada semana, e permanece nun centro de menores tras prestar declaración no xulgado. O operativo segue aberto, xa que a Garda Civil investiga outra suposta violación en Carballo. Os axentes tratan de determinar se ambos os feitos gardan relación.