Os piquetes impediron os servizos mínimos na estación de Carballo

s. g. rial / j. v. lado CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Durante a xornada non saíu ningún autobús, e fallaron algúns de rutas escolares

22 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A folga de autobuses afectou onte de xeito total á estación de autobuses de Carballo e, en boa medida, ao transporte escolar. Mentres que o martes si saíron á primeira hora (entre as 7.00 e as 9.00) algúns buses de Carballo con dirección á Coruña, da compaña Arriva (antes, Vázquez) onte non o fixo ningún. Os piquetes impedírono, así que non se cumpriron os servizos mínimos. Para evitar que houbese problemas, axentes da Garda Civil estiveron nas inmediacións da estación. Pola mañá non se sabía se ás 18.00 horas poderíanse producir as saídas programadas, pero a realidade deu a resposta: ningún. Durante horas, a imaxe que ofreceu a estación foi a sen carga total. Nin unha alma, nin sequera usuarios, como si houbo o martes. Borja Nogareda, de Carballo, chegou sobre as 19.00 horas para saber se para hoxe habería algún problema. Non debería, porque a folga era para onte e o martes. «Pero non había absolutamente ninguén a quen preguntarlle, nada de nada, así que decidín buscarme a vida por outro lado», conta. Hoxe debería coller o bus das 7.10 para chegar a Arteixo, e ante a dúbida, farao con outro vehículo.

A esas horas, moi preto (non na estación) estaba un condutor de Arriva, quen explicaba que o paro fora total. «Nin sequera saíu o de Calvo». Cifraba o seguimento do paro e a efectividade nun 100 %. «Non se circulou nada», dixo. Non só ás saídas, tampouco se produciron as hipotéticas entradas que deberían ter chegado da Coruña.

En canto ao transporte escolar, en contra do que ocorreu o martes, cando se fallaron algúns buses, sobre todo en pártea sur da comarca, onte os centros consultados, tanto de primaria como os institutos, falaban de total normalidade. Si se cumpriron os servizos mínimos co que, por norma xeral, os escolares puideron chegar ás súas clases como outro día calquera. É neste tipo de servizos onde están máis presentes as reticencias dos sindicatos que entende que o novo plan da Xunta, que trata de aproveitar as viaxes dos escolares para dar cabida a outro tipo de usuarios, pode traer consigo unha redución drástica de empregos e un empeoramento das condicións laborais.

Con todo, onte tanto a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como o de Educación, Román Rodríguez, que se reuniron para analizar o impacto da folga, aseguraron que o efecto vai ser «máis ben ou contrario». Descartaron a supresión de servizos, avogaron polo mantemento do emprego, e mesmo citaron que vai ser necesario aumentar o número de coidadores nos autobuses. A Xunta tamén adiantou a apertura de expedientes polos incumprimentos dos servizos mínimos, que agora haberá que ver que se traducen en sancións.