Un crecido Bergantiños busca o triunfo ante o potente Badaxoz

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL FERREIRO

Fase de ascenso a Segunda División B Aos xogadores de Miguel Figueira tan só lles vale o triunfo para liquidar a eliminatoria

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Bergantiños, que segue invicto desde o día 18 de decembro, cando empatou en casa co Negreira, buscará esta tarde no campo do Badaxoz a hombrada de sumar a súa vixésima vitoria da tempada para clasificarse na fase de ascenso a Segunda División B. O empate en Carballo (2-2) leva a que aos xogadores de Miguel Figueira tan só lles valla unha vitoria para seguir na fase.

Badaxoz: Nico; Chechu, Benítez, Pozo, David Galego; Joaqui, Parada, Santigosa, Álex Herrera; José Manuel e Gabri ou Joselu. Para cambios, Isi Jareño (meta), Julio , Ruano e Javi López.

Bergantiños: Cristopher; Borja Facal, Roberto Prieto ou Josito, Iago López, Aarón; Jorge Sáez, Toni, Selecta, Iago Blanco ; Nacho e Rodri. Para cambios Bugy (meta), Álex Pérez, Álex Sánchez, Roberto Piñeiro e Jonathan Fraga.

Árbitro: Francisco Javier Expósito Jamarillo, do Colexio Andaluz.

Campo e hora: Estadio Novo Viveiro, ás 18.00.

Para o adestrador carballés, Miguel Figueira, «o escenario do partido é o marco ideal para dar ese plus que fai falta para pasar a eliminatoria», e engade: «Imos coa idea de poder superar o 2-2 da ida. Non especularemos, como non lle fixemos en todo o ano».

Pero tamén sabe do potencial do Badaxoz de Juan Marrero: «É certo que en fronte hai un rival potente e debemos contrarrestar as súas armas ofensivas».

Outro aspecto que Miguel Figueira ten moi atopa para o encontro desta tarde son as altas temperaturas coas que deberá afrontar o partido: «A calor, por unha banda, e o público, por outra, son factores que poden xogar ao seu favor. Pero penso que non serán determinantes no marcador final».

O Bergantiños, a pesar do empate a dous nas Eiroas, asumiu algo moi importante: perderlle o respecto que impuña un conxunto como o Badaxoz, con 300.000 euros de orzamento e unha masa social de 2.100 abonados. Xa se viu en Carballo e así o recoñeceu o seu presidente, Pablo Blázquez: «A tempada está sendo un fracaso. Ser segundos non entraba en nosos plantes despois do gran esforzo por confeccionar un equipo que tiña que ser campión. Agora podemos paliar ese tropezón cunha vitoria e seguir adiante no noso camiño de ascenso a Segunda División B, que é o noso obxectivo primordial».

O Bergantiños contará co apoio dalgúns afeccionados, pero non o que se agardaba, xa que houbo que suspender a viaxe dun autobús por falta de dez persoas para cubrir as prazas mínimas para viaxar. Os que alí se dean cita deixaranse ver ante unha afección máis numerosa.