O éxito de 35 toneladas de compost

Patricia Blanco
Patricia Blanco CRÓNICA CIDADÁ

CARBALLO MUNICIPIO

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai nada, o Concello de Carballo e a asociación de empresarios do polígono de Bértoa deron a coñecer unha auditoría que puña de relevo a gran cantidade (de diñeiro e enerxía) que se poderían aforrar as empresas se tirasen de medios máis eficientes, aínda que iso implicase inicialmente un investimento. Entón, o rexedor, Evencio Ferrero, aludiu a que no seu momento había incrédulos con respecto a tomar estas medidas en instalacións públicas, como tamén os hai -de aí as prácticas que aínda ven- co feito de que pequenas achegas poidan cambiar ápices ese mundo efémero ao que dá lugar o hábito de usar e tirar, sen máis aproveitamento nin segundas vidas. Puxérono de relevo as 25 familias do barrio da Milagrosa que participaron no primeiro plan de compostaxe urbana de Galicia, posto en marcha polo Concello de Carballo, pioneiro: estaba previsto que devandito programa piloto, de nome Ti tes a chave, durase seis meses e finalmente foron quince. Desexarían que fosen máis, pero de momento a experiencia rematou, e así se lles foi comunicado por parte do edil de Obras e Servizos, Lois Lamas, e por parte do delegado da empresa concesionaria da xestión dos residuos, Luis Anxo Torre. Visto o visto, e á luz dos resultados, estas 25 familias demostraron que a compostaxe en casa non só é viable, senón tamén rendible: obtivéronse 35 toneladas de compost e coñeceuse, ademais, que o volume de residuos orgánicos xerados por unha familia sitúase nada menos nunha tonelada ao ano. «O tratamento de cada unha en Sogama custa 65 euros, o cal significa que son moitos cartos os que poderían aforrarse se a compostaxe chegase a toda a poboación», dixo Lamas. Luis Anxo Torre, pola súa banda, puxo de manifesto que ninguén en Galicia fixera unha experiencia similar e que, visto o visto, «tarde ou cedo», non quedará outra que pór en marcha un sistema diferenciado para o tratamento de residuos orgánicos. Á espera de que se constrúa a planta de compostaxe en Cerceda, Ti tes a chave, comprobados os resultados, di un ata pronto. O mecanismo foi sinxelo, pero requiría de compromiso: as 25 familias depositaban noutros tantos colectores de cor marrón os restos orgánicos. Cada unha tiña unha chave e encargábase da selección previa seguindo os criterios explicados cando arrincou a experiencia. De feito, tomaron tan boa nota que houbo «cero impropios», como resaltou Torre. Agora, os colectores retiraranse, pero eles conservarán a chave e mesmo unha mostra do compost. É máis que iso, é a proba de que a implicación a pequena escala ten resultados grandes. E o medio ambiente agradéceo. Carballo estivo de novo á vangarda.