Capadores e chapas de refrescos

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CARBALLO MUNICIPIO

MATALOBOS

27 abr 2017 . Actualizado ás 21:10 h.

Hipólito da Costa foi un dos capadores máis afamados da comarca de Bergantiños. Despois de exercer o oficio durante case medio século, tivo que deixar a coitela antes do previsto por unhas cataratas tan mestas que non lle permitían distinguir os dedos dos testículos porcinos. O seu problema describiullo graficamente a un oftalmólogo de Carballo.

-Para que me entenda, é coma se o mundo estivese cheo de papas de fariña.

O especialista non tivo dúbidas no diagnóstico, pero foi incapaz de convencer a Hipólito de que se debía operar. Aínda que lle insistiu sobre o sinxela e eficaz que sería a intervención cirúrxica, o vello capador entregouse ao fatalismo.

-Se está de ser, está de ser. E non hai máis que falar!

Aquilo foi algo que lle estrañou a todos os que coñecían a Hipólito da Costa. Nunca fora deses homes que se renden sen loitar, todo o contrario. Traballou arreo dende que era un neno: de noviño andou de axudante de canteiro e logo, xa casado, dedicou a vida á labranza. O de capador era un oficio complementario. Recupero un texto que publiquei neste mesmo xornal aló polo ano 2004 para explicar de xeito conciso o seu medio século de exercicio profesional:

«Da arte que tiña para deixar sen armas reprodutoras aos porcos da bisbarra poden dar testemuña numerosas casas de labranza bergantiñás nas que deu boa proba do seu pulso coa coitela. Despois da Guerra Civil aprendeu o choio cun afamado profesional de Coristanco, que lle mostrou a un Hipólito case imberbe todos os segredos da profesión. Sacáballe os milindreques aos cochos sen o risco das tan temidas infeccións posteriores. Aquel vello capador confesoulle que a mellor maneira de afastar os perigos postoperatorios era botarlle pola zona aberta do animal unhas boas doses de caña branca do Ribeiro, mesturada días antes con labazas e mexacáns dos que medran nos camiños. Dito e feito, nos corenta e oito anos de profesión só lle morrera un marrán nunha casa de Entrecruces e Hipólito sempre sostivo que desconfiaba que aquel pobre rancho entregara coa fame. Coa chegada dos oitenta, a competencia dos veterinarios e doutros capadores fixo que os apuros de traballo do Hipólito fosen a menos. Por boca dun farmacéutico soubo que existía unha práctica chamada vasectomía e que había homes que se operaban para non teren máis fillos. O Hipólito pensou que había que renovarse e incluso falou cun concelleiro de Carballo co que tiña bo trato. O edil convenceu ao Hipólito de que non había maneira de convalidar a longa experiencia cos porcos para poder entrar no emerxente negocio das vasectomías. Hipólito nunca comprendeu que non se contase coa súa dilatada experiencia. Na reconversión industrial non entrou o gremio dos capadores».

Acordeime de Hipólito da Costa porque Xabier Maceiras recuperou o texto anterior para unha entrada da web Crónicas de Arteixo, e tamén por un amigo que discute sempre coa muller porque non quere nin oír falar de facer a vasectomía.

-Ai, eu non me capo!

Recoñezo que a min iso tamén me produce un pouco de respecto. Os que se someteron ao transo aseguran que é unha operación sinxela, que, salvo contadas excepcións, apenas produce molestias posteriores. Non o dubido, sei que os meus medos teñen que ver máis co atávico que co científico. Aínda así, cando se fala de vasectomías eu non podo evitar pensar no que me contaba un antigo xefe meu, firme partidario desta técnica anticonceptiva. Segundo explicaba, a cousa era tan fácil que a finais dos setenta había un mecánico montador en Astano que presumía de ser quen de facelas cun pouco de fío e dúas chapas de Coca-Cola.