O centro comercial carballés avanza

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O primeiro soto dos dous para aparcadoiros está case rematado

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As obras do futuro centro comercial de Carballo, situado entre as rúas Vázquez de Parga, Concepción Arenal e Esquío-Colón, avanzan a gran velocidade. Terían que estar acabadas se se cumpriron os prazos do promotor, pero as demoras nos permisos aprazárono en exceso. En todo caso, o primeiro dos dous sotos está practicamente rematado, e xa se levanta o segundo. Entre os dous sumarán unhas 160 prazas. O trajín de camións é constante, o mesmo que a actividade do guindastre, de 50 metros de alto e outros tantos de desprazamento. A empresa López Cao encárgase dos traballos, ademais doutras obras públicas en Carballo.

As obras do centro comercial e aparcadoiro rematarán dentro de sete ou oito meses. «Para fin de ano teñen que estar», explica o promotor. Non ten présa: «A ubicación é boa; os tempos económicos, parece que van a mellor; eu non teño apuro por que acaben, e prefiro que as cousas queden ben», resumía onte sobre o estado xeral do proxecto e o seu futuro. Hai cousas claras, como que os dous sotos serán para aparcadoiro, e a primeira planta (a baixa) estará dedicada a un servizo comercial amplo. Para a segunda, en principio, mantén a idea de locais comerciais, pero non descarta outras funcións. Nin sequera unha ampliación de altura na parte frontal (na posterior non podería). «O uso comercial é algo que estamos aínda barallando, as cousas necesitan tempo», sinala. «Non teño ningunha présa, se non é nun mes, será no outro, o caso é acabar a obra», explica.