«A investigación require moito esforzo e dedicación, e non sempre se entende»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CIQUS

La carballesa, doctora en química que investigará en Francia en los dos próximos años, fue distinguida en los premios de investigación Ernesto Viéitez

03 feb 2017 . Actualizado ás 12:15 h.

A química Jéssica Rodríguez Villar (Carballo, 27 anos) leva menos dunha semana en Toulouse, Francia, o seu novo destino científico para os próximos dous anos como parte do seu traballo posdoctoral na súa universidade. É un dos novos e moitos talentos da zona que ten que saír fóra, aínda que nesta fase aínda se entende como formativa. E iso que xa é doutora. Leuna en novembro na Facultade de Química, co título Derivados peptídicos sintéticos para a unión selectiva do ADN, orientada ao desenvolvemento de péptidos (moléculas froito da unión de aminoácidos) capaces de recoñecer ADN de xeito selectivo. Foi desenvolvida fundamentalmente no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), que forma parte da Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional?Campus Vida, e centra os seus obxectivos científicos na aplicación de estratexias transdisciplinares para a resolución de problemas cientificamente relevantes no ámbito da química biolóxica e en desenvolvemento de novos materiais funcionais. Un centro de elite na ciencia galega. A súa tese estivo supervisada polos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez Sentides.

Ademais deste paso crucial na carreira de todo investigador, Jéssica logrou unha mención de honra nos premios de investigación Ernesto Viéitez, da Real Academia Galega das Ciencias. A entrega foi o pasado 18 de xaneiro, poucos días antes de marcharse a Francia. O traballo recoñecido está en relación con algúns dos que elaborou para a tese, na que aborda un parte moi concreta do ADN, con aplicacións médico-clínicas. Cualifica esa mención da Academia de «un orgullo», ademais dun estímulo para seguir investigando.

A Jéssica, o amor -ou a vocación- pola química- chegoulle en instituto Alfredo Brañas de Carballo. Se hai que pór nomes, o principal culpable é o profesor José María da Viña, que se xubilou o curso pasado. E non é a única alumna que pasou polas súas clases á que lle ocorreu isto (tamén os hai de Física). Comezou a gozar cos coñecementos, as Feiras dás Ciencias. Na carreira, pensaba máis na docencia, pero a investigación acabou o seu principal obxectivo, no laboratorio, e é o que lle gusta: «Se me podo dedicar á investigación, fareino, e descarto a docencia, e se non, pois intentarei as clases, depende de como vaia todo». Nos mundos actuais, non é sinxelo: «É complexo. Eu tiven a sorte de estar nun grupo moi bo, coñecido internacionalmente». No CiQUS pasou uns anos moi intensos, instructivos e frutíferos. Quizais regrese cando acabe en Francia. Ou a Galicia, en todo caso. «A miña prioridade é investigar aquí», di. Tamén pasa por que se creen prazas, por que se poida optar a bolsas específicas como as Juan de la Cierva ou as Ramón e Cajal. Ten claro que a ciencia é o seu. Cre que non se valora «todo o que se debería de valorar a nivel social». Engade: «A investigación en sí require moitísimo esforzo e dedicación, e creo que non sempre se entende». Que hai quen aínda ten unha visión moi estereotipada de batas brancas e poucos máis. «Aquí botámoslle moitas horas, e para que algo saia ben fai falta moito esforzo», explica.

Xa fóra de España, deixar a familia e amigos non é doado. «No momento de marchar custa un pouco, pero no grupo de investigación xa te van mentalizando de que hai que facelo, e eu estaba moi mentalizada, así que é menos duro».

Cre que o traballo académico non se valora todo o que se debería de facer a nivel social