Unha sondaxe outorga ao BNG unha ampla maioría en Carballo

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Segundo unha enquisa encargada polos nacionalistas a Sondaxe, o actual goberno obtería 12 concelleiros; o PP 6, o PSOE 2 e TeGa 1 nas eleccións do 24 de maio

03 abr 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG obterá a maioría absoluta en Carballo na municipais do 24 de maio. Así o reflicte unha enquisa encargada polo Bloque a Sondaxe. Segundo os resultados, os nacionalistas conseguirían 12 concelleiros (teñen 10); o PP baixaría a 6 (son 8 neste mandato); o PSOE aumentaría a 2 e Terra Galega quedaría cun só representante. O BNG obtería o 49,2 % dos apoios (trátase dunha porcentaxe sobre os votos ás candidaturas); o PP, un 25,4 %; o PSOE, un 12,1; e Terra Galega, un 7,8 %. Os nacionalistas terían o seu gran bastión no centro urbano, mentres que o PP obtería unha parte importante do seu respaldo electoral en Bértoa, Cances, Goiáns, Lema, Noicela, Oza, Razo, Rebordelos, Sísamo e Vilela. En todo caso, segundo o estudo de Sondaxe, aínda hai un 37,4 % de indecisos e a abstención acada o 13,8 %.

Esta enquisa realizouse mediante 300 entrevistas telefónicas efectuadas entre o 23 e o 26 de marzo. Do total, 156 foron mulleres e 144 homes, repartidos en tres franxas de idade: de 18 a 34 anos; de 35 a 54, e de máis de 55 anos. Deste universo poboacional, o 30 % dos enquisados son xubilados ou pensionistas; o 25 % son asalariados; o 10 % autónomos e un significativo 21 % atópanse no paro.

Sobre a situación política municipal, catro de cada dez entrevistados cualifícana de boa. Case un 5 % di que é moi boa fronte a un 15 %, que apunta que é mala.

Valoración de líderes

A valoración dos líderes políticos presentan grandes diferenzas, segundo a enquisa de Sondaxe. Evencio Ferrero é o que mellor nota saca: 6,92 sobre dez. Case un notable. O socialista José Antonio Viña tamén aproba (5,58) e mellora os seus rexistros con respecto á enquisa realizada en novembro (4,88). Miguel Ferreiro crece un pouco, pasando de 4,69 a 4,71. Manuel Andrade tamén mellora a súa valoración, pero continúa lonxe do aprobado (3,76 en novembro fronte ao 4,1 de marzo).

En xestión dos servizos públicos, os entrevistados creen que o mellor destes catro anos foi o mantemento dos espazos públicos e as actividades culturais e deportivas ofertadas polo Concello. Con todo, catro de cada dez aseguran que a atención ás parroquias non é a mesma que fai catro anos.

Peonalización

En seguridade viaria, o 45 % considera que o tráfico e os aparcadoiros empeoraron neste mandato. Con todo e como paradoxo, o 66 % dos entrevistados móstranse partidarios da peonalización do centro de Carballo, fronte a un 25 % que se manifesta en contra

Outro dato significativo do estudo encargado polo BNG é a valoración da xestión do goberno e da oposición. O executivo, que dirixe Evencio Ferrero, aproba de forma folgada (6,02 puntos sobre 10) mentres que a oposición suspende (4,08). A mulleres e a franxa de poboación situada entre os 18 e os 34 anos son os que máis alto cualifican tanto ao equipo de goberno como á oposición.