O PP activa outro pleno en Camariñas para buscar a renuncia do alcalde

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ALVELA

O rexedor insiste na súa inocencia, que foi unha denuncia política e que o recurso está admitido a trámite

24 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A tensión política segue en Camariñas. En breve haberá un novo pleno (por número de edís pode solicitalo, e xa o fixeron), pedido polo PP, para o «acordo definitivo da incompatibilidade e nova credencial á Junta Electoral Central», que implique o cesamento do rexedor, Manuel Valeriano Alonso.

O PP asegura que os informes da secretaria e a interventora coinciden en destacar a «incompatibilidade sobrevida» do rexedor, tras a sentenza que o condena a 4 anos de inhabilitación.

En ambos os informes, di o PP, indícanse os pasos a seguir no próximo pleno, e que debería celebrarse coa «máxima celeridade». Na sesión haberá que pedir unha nova credencial á Junta Electoral Central para que entre na corporación o substituto. No último pleno iso non foi posible, «posto que o informe da secretaria foi posterior á solicitude do pleno polo PP».

A próxima cita debería celebrarse antes do 13 de xullo, «e axustarse á legalidade vixente». Por iso, os populares advirten aos concelleiros que apoien o mantemento no seu posto de Manuel Valeriano Alonso que «podería acarrearlles a acusación de presunta prevaricación por parte da Fiscalía, tras a orde da Delegación do Goberno unha vez teña coñecemento dese tipo de acordo alcanzado no pleno, e onde o señor Valeriano segue usurpando funcións».

O PP xa inclúe a orde do día desa próxima sesión, coa toma de coñecemento da incompatibilidade do rexedor e a remisión á Junta Electoral central. «Así teremos cumprido coa normativa vixente para estes casos de inhabilitación e incompatibilidade», señala el PP. Este partido asegura que «loitará para que no menor prazo posible se poida establecer a legalidade e a normalidade na vida municipal», explican os populares.

O rexedor, Manuel Valeriano Alonso, insiste na súa inocencia, asegura que o recurso que presentou admitiuse a trámite, e que a denuncia que deu lugar a todo isto foi «política».

Alonso lembra caso do tanatorio: a pesar da sentenza firme, gañou

 

 

Manuel Valeriano Alonso lembra o caso xudicial do tanatorio: a pesar de que había unha sentenza firme en contra da súa construción, os recursos posteriores acabaron dándolle a razón. E contrapono ao caso actual, cando é recurrible e xa o fixo. «Lestes señores [polo PP] son moi demócratas, para eles a presunción de inocencia non existe, e é do máis importante que ten a xurisdicción española, que é de paz, non de guerra. Eles xa condenan».

Insiste en que é «unha denuncia do PP, non da Garda Civil nin da Xustiza». Afirma en que no seu momento chamou a un veciño para facer un servizo «e solucionar problemas». Cita que o pai do líder do PP tiña «auga na casa», ou que o tío do denunciante «tamén, e a diario, e houbo que facer unha obra de máis de 5.000 euros para solucionalo». Ve un complot entre o PP e o BNG camariñán. Admite que podería haber unha irregularidade administrativa, nunca un delito.