Realidade

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CAMARIÑAS

24 jun 2017 . Actualizado ás 13:10 h.

Cadroume nos últimos días ver nos informativos dúas reportaxes sobre o avance da realidade virtual, da que tanto se leva falado en numerosos eidos: un caso, aplicada a unha especie de montaña rusa; noutro, para rapaces cun determinado tratamento.

Cadroume tamén, por sorte, probar unha vez máis a mellor mestura que hai entre a realidade virtual e a de verdade, aínda que só quede na memoria. Un tuit moi exitoso desta semana dunha internauta poñía que empregaba cada semana tres horas para ir a ver á súa avoa, e outros que a tiñan ao lado, ingnorábana. Un bo toque de atención. Pois iso: tocou paseo coa avoa polo medio de camiños que agora teñen zahorra, pero antes non, e polas beiras dun río que noutros tempos tiña os arrós máis segados que os campos de herba artificial, o que vén de Gándara e vai cara Camariñas.

Miras agora na volta e non ves máis que unhas fincas coma outras. Pero pos as gafas virtuais de deixar falar á que tes ao carón e sae de súpeto un mundo enorme. Cachiños de terra que tiñan o seu dono, o seu cultivo, o seu no. Carreiros e esqueiros desaparecidos. Unha riña que tivo tal veciño detrás daquel baleón. Unha gabia que está así porque se sacou a pedra para os puntais do cabanote. Alí había tres carballos e cortáronse para darlle máis largo á leira, e no sitio só hai silveiras. Neste rego amarábase a auga e tiñamos un lavadoiro. Naquela zona da Telleira aínda viamos algúns restos entre a herba. Naquela pontella morrera afogada unha nena. Ata acolá ten chegado unha chea...

E todo así. Vas escoitando e vendo todo ese pasado, que é o teu, o noso, o de todos.