Nega que abordase a un percebeiro no Corno, Camariñas

La Voz

CAMARIÑAS

O denunciado, que prefire manterse no anonimato, asegurou onte que se tratou «dun accidente, e non algo provocado»

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O mariscador denunciado por outro compañeiro de profesión ante a Garda Civil de Camariñas por unha suposta abordaxe ocorrida este martes pola mañá no tramo costeiro coñecido polo Corno, nega os feitos. O denunciado, que prefire manterse no anonimato, asegurou onte que se tratou «dun accidente, e non algo provocado». E argumentou: «El estaba no mar cun traxe de neopreno de cor negro e sen ningún tipo de sinalización. Pero aínda así non houbo contacto e moito menos que intentara pasar por riba de el coa lancha». Deixou claro que non é a primeira vez que case o abordan: «Sempre fai igual, non leva sinalización e houbo outros sete ou oito compañeiros que case pasan por riba por non estar visible». E negou que teña rifas persoais co denunciante.