Unha saga de comerciantes que se estendeu a Arxentina

luís lamela

CAMARIÑAS

A estirpe dos Teijeira

27 abr 2017 . Actualizado ás 10:44 h.

Desiderio, Luciano e Manuel Teijeira Hernández, nacidos en Camariñas, foron netos de Desiderio Hernández, consignatario de buques, e de Cándido Teijeira, empresario de transportes, e socios os dous noutras iniciativas comerciais. Os tres irmáns emigraron mozos para Arxentina. Desiderio marchouse con anterioridade a 1920, dedicándose ao comercio en Buenos Aires, cidade na que se converteu nun «opulento comerciante». En 1920 contraeu matrimonio con Marcelina Tajes López, orixinaria de Cereixo-Vimianzo, e en 1927 viaxou a Camariñas representando como delegado extraordinario, na súa calidade de vicepresidente, á Asociación ABC do Partido Xudicial de Corcubión en Buenos Aires, na homenaxe tributada en Corcubión ao mestre Juan Díaz Fernández, entregándolle un «artístico pergamiño e unha medalla de ouro».

Luciano, solteiro, foi socio cos seus irmáns da firma comercial Salvador e Teijeira, de Chajarí-Entre Ríos, casándose en 1928 con Domínica Surt Bergonignan. O terceiro irmán, Manuel, estivo casado con Carmen Pazos Mihura, deixando varios fillos, entre os que estaban Gerardo e Javier Teijeira Pazos.

En 1927, cando Manuel tiña 41 anos, efectuou unha viaxe de recreo a Camariñas regresando posteriormente a terras criollas, pero cinco anos despois repetiu a viaxe e faleceu na súa localidade natal o 18 de decembro de 1933, seguindo a súa familia radicada no país austral. Tanto Desiderio como Luciano e as súas esposas efectuaron varias viaxes de recreo á súa terra de orixe e os tres irmáns estiveron sempre moi unidos ás actividades da Asociación ABC.