A xestión cultural do dolmen de Dombate pasa á Deputación

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

O convenio co Concello de Cabana rematou esta semana e non se renovará

02 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A xestión do centro de interpretación do dolmen de Dombate pasa a mans da Deputación, titular do xacemento arqueolóxico. Xa que logo, non seguirá a cargo do Concello de Cabana, que é o que se encargou durante todo o ano pasado, ademais da segunda metade do 2014. Ano e medio no que se levaron a cabo numerosas actividades culturais e de divulgación que, con todo, non se tiveron en conta á hora da renovación. A 31 de decembro, o contrato xa expirou.

Xesús Soto, deputado provincial do BNG e responsable da área de Contratación e Patrimonio, sinalou que a idea do seu departamento é a de levar a cabo a promoción e divulgación de xeito propio, e que na actualidade están están estudando unha fórmula de xestión distinta á actual. Pero, ademais, sinalou que, polas informacións que lle chegaron, «hai determinadas cousas que non son as máis acaídas para un sitio como Dombate», en relación ao traballo municipal.

De momento, non hai datas para o cambio, así que nos primeiros meses do ano non haberá actividade. «Pode que se encargue a Deputación directamente, ou se cadra a través dun servizo externo. As fórmula aínda está en estudo», explicou. Mentres ese novo sistema se pon en marcha, levarán a cabo arranxos no conxunto, como o empedrado da entrada ou uns taboleiros, entre outras actuacións. Ademais, tres bolseiras, tituladas pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, encargaranse de controlar a estación climática do dolmen, unha actuación que foi presentada polo profesor da Escola e bo coñecedor de Dombate, Fernando Carreira, o pasado día 10 de decembro, nun acto ao que tamén acudiu Soto.

A non renovación do contrato rompe coa tendencia da Deputación de ceder aos concellos os bens que están no seu territorio. En todos, salvo en Dombate. «Iso é polo seu nivel de características, moi distintas a todos os demais. Dende un punto de vista de protección do patrimonio é un sitio único en Galicia, é o centro do megalitismo por antonomasia, e por tanto merece un tratamento e un investimento importante», indicou o deputado.